Ensino

Os sindicatos CSIF e STEG súmanse á folga no ensino galego convocada pola CIG contra o acordo de ratios

Belén González, Suso Bermello e Lois Pérez esta cuarta feira (Foto: Europa Press).
"A mensaxe é clara. Hai unha Consellaría de Educación que tirou pola borda as demandas históricas do profesorado e hai tres organizacións que, claramente teñen un carácter maioritario no conxunto do profesorado, revelámonos contra ese acordo", esgrimiu o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello.

Os sindicatos CSIF e STEG ratificaron esta cuarta feira que se suman á folga convocada pola CIG para o vindeiro día 24 para mostrar o seu rexeitamento ao acordo de baixada de ratios e de horarios asinado pola Xunta da Galiza e o resto de organizacións representadas na mesa sectorial non universitaria: CCOO, ANPE e UXT.

Desta forma, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, explicou que as tres organizacións que "rexeitan o acordo" suman 59% da representación sindical e teñen 60% do voto do profesorado.

"A mensaxe é clara. Hai unha Consellaría de Educación que tirou pola borda as demandas históricas do profesorado e hai tres organizacións que, claramente teñen un carácter maioritario no conxunto do profesorado, revelámonos contra ese acordo", esgrimiu Bermello.

Pola súa parte, a representante do CSIF, Belén González, lamentou "non poder asinar" o acordo, ao que nomeou como "acordo da discordia", xa que conseguiu como "primeiro efecto negativo" a división das representacións sindicais.

A continuación, González detallou que CSIF "sempre foi unha organización con vontade negociadora", pero o punto de partida que "impedía a recuperación de dereitos que xa estaban consolidados" no sistema educativo era "un freo" a que puidesen prestar ese apoio.

Por iso, "non podían asinar" un acordo sen "unha redución real" de horarios lectivos, sen unha redución desa "gran burocracia dos centros educativos" e nese punto atopáronse con que no acordo "non se recolle nin a primeira medida, aínda que a Consellaría recoñece que ese problema existe".

Pola súa parte, o representante de STEG, Lois Pérez, coincidiu coa CIG e CSIF e remarcou que esta manifestación é o inicio doutras accións a curto prazo e é un acto para dicirlle á Xunta que a comunidade educativa "ten memoria" do que significaron "os últimos 13 anos de desgoberno do PP".

Desta forma, avogou por "a maior unión sindical posíbel" na defensa do ensino público e animou a participar na xornada a toda a comunidade educativa, familias e profesorado.

Demandas dos tres sindicatos

Os tres sindicatos piden a recuperación dos horarios de 18 e 21 horas nun máximo de dous cursos, a redución das ratios en todos os ensinos, empezando no próximo curso e con aplicación como máximo a finalizar cada etapa.

Ademais da aplicación de "medidas inmediatas" para a redución das horas da burocracia: aumento das horas de liberación para cargos directivos, de coordinación e titoría e aumento de persoal administrativo, así como a repartición lineal da masa salarial comprometida pola Consellaría entre o profesorado.

Servizos mínimos

En referencia aos servizos mínimos convocados para esa xornada, Bermello detallou que xa están convocados e que volveron á normalidade previa á pandemia.

Desta forma, eses servizos son a obriga de ter abertos os centros educativos e que haxa unha persoa de dirección ou alguén en que delegue para garantir a apertura.

Con todo, as tres organizacións sindicais coincidiron en que eses servizos mínimos "non deberían existir" xa que a educación, desde a perspectiva laboral, "non é un servizo esencial".

Finalmente, os sindicatos fixeron un chamamento á "participación masiva" do profesorado na manifestación que sairá ás 12 horas da praza de Cervantes en Santiago e terminará diante da Consellaría de Educación.