Os Comités exixen a demisión de Casares Long ''pola incapacidade de afrontar os problemas'' da USC

Na reunión do claustro volveuse rexeitar o plano plurianual e os estatutos da universidade, sometidos a votación por terceira vez,  tampouco saíron adiante. Ambas as dúas cuestións son, para a organización estudantil, ''mostras dun goberno sen apoios''

A organización estudantil Comités pediu esta terza feira a demisión do reitor da USC, Juan Casares Long, "pola incapacidade para facerlle fronte aos problemas que sofre a Universidade". Após a reunión do claustro, as persoas que representan esta organización estudantil recalcaron "o colapso" en que se atopa o proceso de matrícula, e atribuírono á "deficiente aplicación" da normativa de permanencia.

Ao fío, Brais Pedreira, claustral e responsábel de campus dos Comités, considerou tamén que a equipa de goberno que lidera Casares Long é "incapaz" de sacar adiante o plan plurianual, rexeitado máis unha vez, e queixouse de que os estatutos da universidade, sometidos a votación por terceira vez na reunión de hoxe, "están aínda en dúbida". Ambas as dúas cuestións, dixo o estudante, "non son máis que mostras dun goberno sen apoios". Pedreira reclamou información sobre @s 2 mil estudantes afectad@s pola normativa, e informou de que non obtivo resposta da reitoría. Por todo o anterior, o responsábel de campus dos Comités lembrou a convocatoria de folga fixada para o 17 de outubro, concluíndo que "os recortes non serían posíbeis sen a complicidade da USC".

Comités e Liga estudantil, as dúas organizacións maioritarias no eido institucional da USC, acordaron horas antes do claustro "unha distribución equitativa" nas comisións do claustro e do Consello de goberno, de tal xeito que cada unha terá tres representantes. Con este acordo "coidamos que queda asegurada unha presenza forte e decisiva do nacionalismo" nos órganos de decisión da USC.