Botarse á rúa contra a falsa 'mellora educativa' de Wert

Imaxe da folga estudantil do 10 de maio
O estudantado galego quece motores de cara á folga estudantil convocada por Comités e Galiza Nova para o 17 de outubro, e que previsibelmente será apoiada pola comunidade educativa e polas outras dúas organizacións estudantís do nacionalismo: Liga e Agir. Cos catro colectivos repasamos o acabado de aprobar anteproxecto da LOMCE, que obrigou a adiantar o calendario de mobilizacións

A aprobación do anteproxecto que o goberno español preparou para impor a contrarreforma educativa levou o estudantado galego a adiantar o seu calendario de mobilizacións para se erguer máis unha vez contra unhas políticas que levan o ensino público polo vieiro da privatización e do elitismo até o volver un privilexio para uns e unhas pouc@s. O vindeiro 17 de outubro haberá folga. Convocada de primeiras por Galiza Nova e Comités, confían en que "o éxito sexa polo menos similar" ao rexistrado na multitudinaria manifestación do 10 de maio, apunta Daniel Candal, responsábel nacional do colectivo estudantil.

Para alén das xa citadas, aquel paro foi secundado polas outras dúas organizacións estudantís nacionalistas, Liga e Agir, que desta volta manifestaron xa o seu apoio á mobilización, aínda que non decidiron se convocarán. Uns días antes, o 11 de outubro, conmemórase o Día internacional de mobilización estudantil e loita e ambos os dous colectivos fan parte das accións que a nivel de estado artella o estudantado da Galiza, Euskal Herria e os Països Cataláns.

Un anteproxecto que a comunidade educativa coñece pola prensa
"Despois desta xornada --Alberto Núñez-- Feijóo non pode seguir mirando para o outro lado. Ten que dicir 'non' aos recortes, e non pode facelo coa boca pequena", dixo daquela a secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, após contemplar a estampa de 10 mil estudantes fóra das aulas, secundando as máis de vinte mobilizacións convocadas en todo o país. 

"Non é nin medio normal que o PP fose soltando pílulas a través da prensa sen sentar a dialogar coa comunidade educativa", valora Aboi, e a renglón seguido lembra que a norma emanada do goberno español e acollida sen contemplacións polo PP galego "degrada ao máximo o ensino público e atenta contra a igualdade de oportunidades". Hai motivos para ir á folga? Coa axuda d@s voceir@s de Comités, Liga estudantil e Agir, damos conta do impacto real que terán algunhas das medidas recollidas na Lei orgánica de mellora da calidade educativa, LOMCE.

"Flexibilizar as traxectorias, de maneira que cada estudante poida desenvolver todo o seu potencial" => o alumnado escollerá xa en 3º da ESO, e non en 4º como se veu facendo até o de agora, se quere seguir cara ao bacharelato ou cara a unha formación profesional

"É unha dificultade engadida para que cada quen poida estudar a carreira que desexe, pois non existe posibilidade de retorno, e a escolla faise a idades moi temperás", valora Iria Aboi. Pola súa banda, Daniel Candal (Comités) asegura non ter claro "até que punto é pedagoxicamente positivo" adiantar a elección un ano académico. Di que "por experiencia propia" é moi cedo para saber respostar a esa inocente pregunta de que queremos ser de maiores: a decisión tomarase con 14 anos.

O alumnado ten que escoller entre bacharelato e FP aos 14 anos

Para Diotino González (Liga estudantil) "o principal problema" non é tanto que se adiante a escolla, senón "un curso segregado" entre @s alumn@s que optan polo bacharelato e aquel@s que o fan pola FP. E para Miguel Cuba (Agir) supón un freo a unha educación que se supón obrigatoria até os 16 anos, obrigando o alumnado a escoller e focando esa escolla cara a "un mercado laboral que demanda titulados en formación profesional" como man de obra barata.

"Implantación de probas de avaliación a nivel nacional --español-- en puntos críticos de cada etapa educativa" => reválidas controladas desde Madrid e fixadas nos cursos de 3º e 6º de primaria 4º da ESO e bacharelato

"Independentemente de que o conxunto da lei era mellor reciclalo, este é o principal punto de controversia", apunta Candal. "Se xa estabamos en contra da selectividade por ser unha proba inxusta, agora non sei se volvemos ao ensino de hai 40 anos ou este atentado pedagóxico vai mesmo máis aló", sinala o responsábel nacional dos Comités, e González (Liga) considera que do que se trata é de "por a proba as capacidades do alumnado para lles dificultar o avance".

A reválida ''é unha aberración pedagóxica'' que reforza un ensino privado disimulado: as clases particulares

En Agir consideran que volver ás reválidas é "un comodín" do PP, máis unha oda á "cultura do esforzo" que pretende avanzar con disimulo cara ao ensino privado ao reforzar as horas de aulas particulares para que as persoas con máis dificultades poidan superar cada exame. Para Galiza Nova o feito de que desapareza a avaliación continua e a avaliación que parte do persoal docente "é unha aberración pedagóxica que degrada a función do profesorado e a atención á diversidade". Remarca Iria Aboi que a reválida afianzará "un ensino clasista" e deixará @s fill@s da clase obreira ás portas da universidade.

"Racionalización da oferta educativa, reforzando a aprendizaxe de materias complementarias" => quitarlles horas lectivas ás optativas para reformar aquelas dedicadas a lingua(s), matemáticas e ciencias. As horas de relixión non se van tocar

As intencións do goberno español pasan por "uniformizar e deslegalizar o xa de por si deslegalizado", pois coa LOMCE serán menos os contidos que cada territorio achegue ao currículo. "Aumenta a colonización das novas xeracións", apunta Iria Aboi, e quéixase tamén de que esas horas lectivas non se lle resten á relixión, ao entender que "se falamos de calidade educativa, dun ensino que non busca o adoutrinamento, calquera relixión debería quedar fóra".

Pola súa banda, Daniel Candal centra a análise na redución de itinerarios do bacharelato, afodando nunha opción que na Galiza o PP xa foi introducindo nos seus tres anos de goberno. "Haberá moitos institutos na contorna urbana onde o estudantado non poderá realizar o itinerario que escolla, obrigándoo a se desprazar centos de quilómetros", supoñendo que poida afrontar economicamente o 'capricho' de estudar unha vía que o ensino público non lle oferta.

"Se falamos de calidade educativa, dun ensino que non busca o adoutrinamento, calquera relixión debería quedar fóra"

Esta contrarreforma educativa para Miguel Cuba non é máis que "usar o ensino para impor unha ideoloxía", a da Igrexa católica, para alén de lle reducir tempo ás alternativas de apoio curricular "e reforzar a lingua española".

"Apoio do plurilingüismo" => as aulas do país non falarán na lingua propia. Na Galiza o decreto que regula a presencia do galego no ensino foi o primeiro paso cara á españolización do ensino

"Se o PP fala de apoio ao plurilingüismo, aqueles que defendemos que o ensino debe ser na nosa lingua debemos estar, polo menos, preocupados", ironiza Candal. En palabras de Aboi, este punto é sinónimo "dunha maior españolización do ensino" e traducirase en que "as novas xeracións medrarán orfas da lingua, a cultura e a historia do país en que naceron".

"O plurilingüismo só se consegue investindo en educación, non reducindo horas lectivas", enfatiza Miguel Cuba, unha valoración con que cadra Diotino González ao considerar que na Galiza tal 'apoio' se fará "a costa da lingua propia". "Que o ministerio de Educación nos diga como temos que impartir as nosas aulas aínda sabendo que as competencias están transferidas é un golpe agresivo" acrecenta Candal.

"Impulso da Formación profesional" => orientar o ensino público cara a un mercado laboral que procura man de obra barata

Di Iria Aboi que falar de impulso é "unha hipocrisía" e queda "en papel mollado" nun escenario marcado polos recortes. "Non é admisíbel que reducindo en orzamento e en docentes se pretenda pular por algo, o que se busca é man de obra precaria e limitar o acceso á educación". Coas palabras da secretaria xeral de GN cadra Agir. Lembra Cuba que a FP foi até o de agora un camiño de acceso en condicións ventaxosas ao ensino superior, mais de aquí en diante "o que se pretende é rachar coa vida académica na procura de man de obra barata e que o estado deixe de finanzar o ensino público".

"Hipocrisía", "descarga de responsabilidades", "centralismo" e "deixar de finanzar o ensino público"

"Con esa apariencia de impulso o que se fai é descargar responsabilidades", sinala Diotino González, voceiro da Liga estudantil, entrementres os Comités focan a análise na Galiza para sinalar, tal e como considera Daniel Candal, que "outro dos problemas é que na actualidade non existe un mapa de centros de FP racional no noso país, senón outro cuxo risco definitorio é o centralismo". Considera Candal que a oferta educativa de formación profesional "non atende" a realidade galega, cando debería estar orientada na demanda laboral de cada bisbarra. Para alén disto, sentencia: "Poño en dúbida que esta lei orgánica sirva para impulsar algo".

Así as cousas, contra este "golpe de estado" --en palabras de Candal-- perpetrado polo goberno español contra o ensino público hai folga convocada o mes que vén en todas as etapas educativas. O obxectivo: "que o PP recúe e que entenda que, como rezan os lemas que berramos na rúa, a educación é un dereito, non un privilexio", apunta Iria Aboi, voceira da outra organización convocante. E conclúe lanzando unha pregunta: "Haberá que contestar esta reforma na rúa, non?" A resposta, o 17 de outubro.