Os millóns que a Xunta deu a privados cubrirían as necesidades das escolas do rural de Ourense

O BNG exixe en rolda de prensa un ''cambio de rumbo'' para evitar o feche de até 40 unidades de Infantil e Primaria na provincia, e de máis de 100 en toda Galiza

Coa subvención concedida aos centros privados, de 17 millóns de euros, estarían cubertas as necesidades de todas as escolas do rural ourensán. Por conseguinte, desde o BNG exixiron nesta cuarta feira á Xunta de Galiza "un cambio de rumbo" nas políticas educativas que beneficie non só aos centros privados, senón tamén aos públicos. Así llo pediu a deputada e voceira de Educación Carme Adán, nunha rolda de prensa celebrada en Ourense o mesmo día no que nais, pais, profesorado e alumnado do CEIP de Carballeda de Avia se botaron á rúa para lembrar ao departamento que dirixe Jesús Vázquez que "non somos un rabaño".

As reclamacións do BNG chegan a raíz do máis que probábel incremento da ratio de alumn@s, sumado ao posíbel agrupamento de estudantes de diferentes idades en cada aula. A problemática é especialmente grave en Ourense, onde os sindicatos, nomeadamente a CIG a través da federación do Ensino, calculan que serán até 40 as unidades educativas de Infantil e Primaria que boten o peche. No conxunto da Galiza serían máis de cen. Diante do panorama, Carme Adán manifestou a súa "preocupación" pola situación do rural, mentres seguen a se subvencionaren centros privados.

Ollando as cifras que manexan @s nacionalistas, no que vai de lexislatura o PP subvencionou desde a Xunta escolas privadas "de ideoloxía ultrarrelixiosa" con 17 millóns de euros. "Non estamos a falar de austeridade nin de redución de gastos, estamos a falar dunha agresión ao medio rural".

As medidas implementadas pola Consellaría, que farán posíbel que alumn@s do primeiro ciclo da Primaria, de 6 a 12 anos, partillen aula, suporá un retroceso a métodos de ensinanza de hai 40 anos, valorou a deputada do BNG, ao sumar o reagrupamento do alumnado á falta de recursos e á redución do profesorado. Voltando aos datos de CIG-Ensino, son 2.000 os postos de traballo que están na corda frouxa en toda Galiza, incluída a etapa da Secundaria.