A Xefatura de Educación en Ourense non recibe o profesorado

A CIG denuncia que solicitaran reunión hai un mes, e a convocatoria de concurso de profesorado provisional fixárase neste mércores 20 para coñecer a supresión ou non dun posto, pero non a comunicou oficialmente.

Son os inspectores quen chama aos centros, para comunicarlles ás direccións, as supresións de aulas e profesorado. Deste xeito, o profesorado non pode participar no concurso de provisionais ao non ter comunicación oficial, e non ten habilitada tampouco a aplicación informática para solicitar destino no curso 2012-2013.

A Xefatura Territorial de Ourense está a comunicar supresión de aulas e profesorado en decenas de centros da provincia: cos agrupamentos que procura a Consellaría abundarán as unidades con alumnado de diferentes idades, cursos, ciclos e etapas, sempre que non superen @s 20 alumn@s e nalgúns casos, @s 25. Os recortes tamén poden afectar, segundo informou Inspección nalgún centro, aos comedores escolares.

Recortes na provincia

A CIG contou 40 aulas que non funcionarán para o curso próximo, e a supresión de 80 postos de traballo. Moitos centros pasan de catro aulas de primaria a tres: no CEIP de Amoeiro, no de Bande, no Inmaculada de Ourense, no de Rairiz de Veiga, e no de Vilardevós, neste colexios pérdense 2 profesores de primaria e o de pedagoxía terapéutica. De tres a dúas pasan o CPI da Gudiña, o CEIP de Baños de Molgas, o de Cenlle, Cualedro, Entrimo, A Merca, Oímbra, Riós, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía, Castrelo de Miño, etc. Perdería cada centro 2 profesores de educación primaria.

Colexios en que se reducen dúas aulas de primaria a unha (o alumnado de 6 a 12 anos estará nun único espazo, e cun único docente) son o CEIP dos Blancos, o de Casaio, o de Cortegada, o de Gomesende, o de Monterrei, etc, Nestes centros perden os especialistas de inglés, música e educación física. Por último, convértense catro escolas en unitarias, entre elas Vilariño de Conso: con 18 alumn@s desde os tres anos, até un polo menos de cada curso, verase na obriga de tel@s a tod@s xunt@s na mesma aula.

Por outra banda, o CEIP Luís Acuña de Ourense,perde dúas aulas de infantil e lle suprimen dúas mestras da especialidade; ao CEIP Mariñamansa en Ourense quítanlle un aula de infantil, perdendo tamén dúas especialistas nesta etapa; e a outro CEIP da provincia agrúpanlle toda a etapa de infantil nunha unidade con 18 meniñ@s, e un deles con necesidades educativas especiais relevantes.

Tamén, é probábel que algún centro sexa suprimido. Neste curso, suprimíronse 16 unidades de Primaria e 2 de infantil, e o curso pasado pecháronse nove unidades de educación primaria. No 2009-2010 pecháranse 2 centros (as escolas Vilar de Santos e o Colexio de San Xoán de Río), e suprimíanse 3 aulas de educación Infantil e 6 unidades de educación primaria.

Por outra banda, no ensino secundario, aínda sen datos concretos, o incremento de horario lectivo (a 20 horas) provocará tamén o aumento do profesorado desprazado por falta de horario e a perda de postos de traballo, ademais de eliminar desdobres e agrupamentos flexíbeis.

A CIG-Ensino remarca que este conselleiro cometeu “o ataque máis furibundo” ao emprego público, incrementándolle o horario, incluíndo labores que non lle son propias como control do alumnado á entrada e saída do transporte escolar, eliminando a gratuidade dos libros de texto e mermando a calidade dos servizos complementarios.