FOLGA ESTUDANTIL

As organizacións estudantís nacionalistas rexeitan a "folga farsa" do Sindicato de Estudiantes

Asinan conxuntamente un comunicado no que critican a convocatoria por "unilateral" e "sen traballo".

 

Comités, Liga estudantil galega e Agir emitiron un comunicado público através das súas páxinas web no que amosan o seu desacordo e rexeitamento á tripla xornada de folga convocada polo Sindicato de Estudiantes o 21, 22 e 23 de outubro. 

As organizacións estundantís nacionalistas critican que a convocatoria se tiver producido de maneira "unilateral" e "sen ter en conta" as dinámicas existentes nos distintos territorios do Estado español, nomeadamente en Galiza, Catalunya e Euskal Herria. 

"Estas xornadas de folga son convocadas en solitario, de forma unilateral e sen traballo de base", critican

"Estas xornadas de folga son convocadas en solitario, de forma unilateral e sen traballo de base; sen contar coas diferencias nacionais existentes entre territorios, nin coas organizacións, asembleas ou colectivos que traballan diariamente na defensa dun ensino popular", sinalan no texto difundido de maneira conxunta. 

Neste senso, critican que se trate dunha "convocatoria pantasma" que, ao seu parecer, contribuirá a "desmobilizar a gran parte do estudantado". "Case unha semana", apuntan, na que "os termos folga e manifestación" se ven "apagados". 

Esta cuarta feira o Sindicato de Estudiantes convoca mobilizacións en cidades como A Coruña, Vigo e Compostela.