A oposición reitera a Feixoo que debe dar explicacións pola súa amizade con Marcial Dorado

Alberto Núñez Feixoo con Marcial Dorado nunha foto publicada por El País en 2013. Á dereita, un instante da entrevista de Jordi Évole a Dorado que se emitirá este domingo.

Desde o PP din que é un tema “menor”.

A entrevista de Jordi Évole co narcotraficante Marcial Dorado, emitida este domingo, volveu situar as polémicas fotos de Núñez Feixoo co contrabandista arousán na actualidade e poñer sobre a mesa un tema que é molesto para o presidente da Xunta.

As forzas da oposición volveron esta segunda feira a emprazar Feixoo a que dea explicacións da súa amizade e relacións cun narcotraficante que naqueles anos xa ocupaba titulares de prensa polas súas actividades. Porén, o PP bota balóns fóra e di que estamos perante “un tema menor”.

"É un tema menor, un debate que tivemos hai sete anos e sobre algunhas fotos de hai 30 anos. Todas as explicacións xa se deron e nai pouco máis por engadir", dixo o portavoz parlamentar popular, Pedro Puy,

"Mentiu"

Porén, para a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a entrevista revela que Feixoo "mentiu" e "non dixo a verdade" cando, por exemplo, "negou unha amizade". Isto, ao seu xuízo, "o que pon é o foco no que máis mentiu Fexoo en relación con este e outros asuntos".

Ademais, Ana Pontón concluíu, ao ser preguntada polos xornalistas na conferencia de prensa virtual desta segunda feira, que ela si "estaría preocupada" de que "un narco" a tivese "como referencia para a honestidade". Refírese así ás afirmacións de Marcia Dorado no programa de Évole que, de poder votar, faríao por Feixoo pois “coñezo a súa honestidade”.

Para o portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, é "evidente que Feixoo minte sistematicamente", tamén na súa relación con Dorado. "Todos sabiamos que había un narcotraficante que lle pagou ás vacacións ao señor Feixoo", engadiu.

"Dar explicacións"

Neste sentido, cre que o presidente debería "dar explicacións" sobre os seus lazos co narcotraficante condenado por tráfico de drogas, pero considera máis acaido ofrecer "máis explicacións" sobre "recortes na saúde" nos últimos anos ou "o desmantelamento" de caixas de aforro durante o seu goberno na Xunta

Pola súa banda, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, subliñou que Núñez Fexoo "debe unha explicación veraz a Galiza" sobre a súa relación con "un dos capos da droga máis grandes de Europa", en referencia a Marcial Dorado.

Para Caballero, esta relación, que ao seu xuízo transcende o "privado", "non sería aceptada en ningunha democracia avanzada" .