Marcial Dorado: “Coñezo a honradez de Feixoo, se podo votareino”

Jordi Évole e Marcial Dorado

Jordi Évole entrevistou o narcotraficante, que afirma que a última vez que falou co presidente da Xunta foi en 2001. O líder popular asegurara que cortara relacións en 1997.

Lo de Évole emitiu finalmente a entrevista con Marcial Dorado, un programa cuxa emisión en marzo se cancelara por mor da epidemia do coronavirus. A conversa entre o xornalista catalán e o narcotraficante arousán gravouse nun domicilio deste e durante un dos seus permisos. As fotos de Dorado con Feixoo publicadas por El País centraron boa parte do programa. “Coñezo a honradez de Feixoo, se podo votareino”, afirmou Marcial Dorado na recta final do programa e despois de lle preguntar Évole se vai votar nas eleccións galegas.

“Sabíao todo o mundo”

As polémicas fotos foron atopadas nun rexistro da Axencia Tributaria na casa de Marcial Dorado. Este nega a filtración das mesmas ao país (“eu odio facerme fotos”) e explica que a súa amizade co agora presidente da Xunta era algo evidente: “nin eu nin Feixoo andábamos ocultos, sabíao todo o mundo”.

Feixoo non bebe, non fuma, non ten vicios... sempre foi un vello

Na conversa aparece Manuel Cruz, chofer da Xunta e personaxe escura morto nun accidente de tráfico. Foi a través del e nun xantar na Coruña, rememora, como coñeceu Feixoo. A partir de aí, navegacións en iate (“non é un iate, é un barco”), viaxes polos Picos de Europa, Portugal, Ibiza... “Feixoo non bebe, non fuma, non ten vicios... sempre foi un vello”, asevera o arousán.

“Se queres ser algo, afíliate ao PP”

 “Non me gustan os políticos”, di, para aclarar que cando coñeceu Núñez Feixoo este era número 2 da Consellaría de Sanidade (“era un gran xestor pero eu non o consideraba un político”). Afirma que “cando eu o coñecín non estaba afiliado ao PP” e mesmo que lle dixo: “se queres ser algo, terás que afiliarte ao PP”.

Amizade

O narcotraficante móstrase doído pola negación pública de Feixoo da amizade após ser publicadas as fotos. “Agora vese que é un político”, di con amargura. “Eu considerábame amigo”, prosegue, “se durmes na miña casa, se a miña muller che fai o almorzo...

Doído, afirma que a amizade rematou cara a 200-2001 porque “son eu o que me vou” e engade que en 2001 Feixoo chamouno para xantar xuntos. O que contrasta coas explicacións dadas no seu día polo presidente da Xunta, que aseverou que rachara toda relación co narco pasado mediados dos 90 ao saber das súas actividades.

 Afirma que “cando eu o coñecín non estaba afiliado ao PP” e mesmo que lle dixo: “se queres ser algo, terás que afiliarte ao PP”..

Incide o arousán en que “xamais fixemos xuntos” e que Feixoo “non sabía a que me dedicaba”, se ben naquel tempo, década dos 90, o seu nome xa aparece ducias de veces na prensa ligado a actividades ilegais.

Visitas en prisión

A conversa adquire maneiras de serie negra cando Dorado, que en 13 anos de cárcere en 22 prisións españolas non perdeu o seseo da Arousa; fala de visitas e ofertas de liberdade a cambio de “botar lixo”.

Así, indica que por 2 veces recibiu en prisión a visita de dúas persoas enviadas desde o PP de Madrid, apuntando que era un ministro como a persoa que estaba detrás desa visita, para preguntarlle se estaba disposto a “botar lixo” a cambio de certos beneficios. Preguntado sobre quen sería o destinatario dese “lixo”, Dorado sinala que eran Mariano Raxoi e Núñez Feixoo.

Mais esta non foi a única visita destas características. Así, explica que en 2005 “xente enviada polo PSOE a través dun ministro” (ao que previamente fixera chegar unha nota a través dun coñecido) reuniuse con el na súa casa. O obxectivo? Segundo o narco, querían que “botase lixo” contra Feixoo nun ano de eleccións galegas.

“Dos bos”

Dorado aproveita a entrevista para negar que sexa narcotraficante (“quero ser lembrado como o fillo da Ramona, non un narco”), indicando mesmo que de selo, “sería dos bos” e non estaría preso.