A ONU denuncia un caso de violencia obstétrica en Lugo

A denunciante foi ingresada no hospital público de Lugo (Imaxe: Nós Diario)
O Comité para a Eliminación da Discriminación contra a Muller exixe reparación a unha muller vítima de violencia obstétrica cando deu a luz á súa crianza. Nun informe, salienta que nos xulgados enfrontou estereotipos de xénero e discriminacións.

Expertas do Comité para a Eliminación da Discriminación contra a Muller, órgano dependente da Organización Nacións Unidas (ONU), responderon a unha queixa presentada por unha muller que sufriu un trauma físico e mental como resultado do seu proceso de parto na Galiza. É a primeira vez que o comité adopta unha decisión relacionada coa violencia obstétrica.

A muller informou a este organismo internacional de que acudiu a un hospital público en Lugo, o Hospital Universitario Lucus Augusti, cando sumaba 39 semanas e 6 días de embarazo, simplemente para recibir información. A testemuña explicou que sufría contraccións irregulares, mais aínda non se iniciara o labor do parto. Non obstante, o persoal médico decidiu inducirllo e adiantalo.

O Comité concluíu que “cando chegou ao hospital non existía ningunha emerxencia e, porén, desde o momento da súa admisión, foi sometida a numerosas intervencións sobre as cales non recibiu ningunha explicación”. Ademais, non se lle pediu o seu consentimento sobre os procedementos que se lle foron aplicando.

A súa filla foi levada inmediatamente á Unidade de Neonatoloxía, na que permaneceu durante sete días para ser tratada por unha infección que, segundo argumentaron as avogadas do propio comité, podería ter sido causada polas intervencións médicas que cualificaron de excesivas e inadecuadas.

A muller presentou o seu caso ante os tribunais estatais pero, segundo as conclusións do Comité, enfrontou estereotipos de xénero e discriminación durante todo o proceso xudicial. "É hora de poñer fin á violencia obstétrica. As mulleres non deberían experimentar un trato abusivo e discriminatorio durante el parto", explicou a vicepresidenta do CEDAW, Gladys Acosta Vargas.

A ONU esixe reparacións

O comité instou ao Estado español a proporcionar á denunciante unha reparación apropiada polo dano que sufriu a súa saúde a nivel físico e mental. Tamén se demandou que brinde ás profesionais da saúde e ás traballadoras da xustiza unha capacitación adecuada en materia de dereitos de saúde sexual e reprodutiva.

"Confiamos en que tomará moi seriamente as recomendacións formuladas polo ditame e que promoverá cambios substanciais", concluíu Acosta.