Maternidade e feminismo

Mulleres nais e feministas elaboran o primeiro mapa das violencias machistas durante a maternidade

Presentación do Observatorio sobre as violencias machistas na maternidade e na crianza en Compostela (Materfem).
Na semana do 25-N, Maternidades Feministas en Compostela (Materferm) presenta o Observatorio sobre as violencias machistas cotiás que afectan ás mulleres na maternidade e ás súas crianzas. Un espazo de expresión que permitirá recoller as denuncias e as demandas das nais e das mulleres ao cargo de crianzas para lanzar propostas de cambio.

O Observatorio sobre as violencias machistas cotiás que afectan ás mulleres na maternidade e ás súas crianzas busca confrontar, durante os próximos meses, as distintas formas de violencia ás que se ven sometidas as mulleres con crianzas na vida cotiá.

«Hai máis dun ano que nos xuntamos por primeira vez na Libraría Lila de Lilith, un encontro que nos serviu para caer na conta das moitas violencias sutís, que non somos capaces de fixar nin de expresar con palabras, das que somos obxecto polo feito de ser nais», explica Comba Campoi, unha das integrantes de Materfem, «violencias reais que nos fan sufrir».

Un proxecto pioneiro

O Observatorio inicia a súa andaina cun proxecto pioneiro feito por mulleres nais para mulleres nais. Un formulario, inicialmente dirixido ás mulleres da área compostelá, para identificar e avaliar todas as formas de violencia -«encubertas, sutís e constitutivas de delito»-, que enfrontan as mulleres durante a maternidade e a crianza.

Trátase de facer, por primeira vez, un diagnóstico que amose a incidencia das violencias machistas nas nosas vidas como nai e mulleres ao cargo de crianzas.

«O estudo pretende ser máis cualitativo que cuantitativo», aclara Comba Campoi, «se ben, queremos chegar a cantas máis mulleres mellor. Todas as experiencias e todas as respostas serán  consideradas, veñan de onde veñan; porque se trata de facer, por primeira vez, un diagnóstico que amose a incidencia das violencias machistas nas nosas vidas».

Un espazo de expresión para nais e coidadoras

Deste xeito, o formulario online deseñado polas integrantes de Materfem converterase nun espazo de expresión para as mulleres e de visibilización para o colectivo. Pero por riba de todo, destaca Campoi, «é unha ferramenta que nos permitirá extraer conclusións e formular propostas de solución adecuadas para que a distintas Administracións con capacidade para decidir sobre políticas sociais as teñan en conta».

A enquisa presenta oito bloques distintos dedicados a outras tantas violencias que o núcleo central de Materfem identificou durante unha dinámica de grupo: institucional, psicolóxica, estrutural, económica, obstétrica, sexual, cultural.

Cada un destes apartados ofrece varios supostos que guían as as mulleres pola súa maternidades ou polo seu tempo de crianza. «Deste xeito», asegura Comba Campoi, «teremos a oportunidade de confirmar se as nosas suposicións son certas ou se hai episodios que pasan totalmente desapercibidos cando representan un gran sufrimento para as nais ou as coidadoras que os sofren».

Estratexias de resposta ás violencia machistas

É importante saber se denunciaron ou non e por que; que contestación recibiron, e que estratexias adoptaron co fin de superar esas situacións de violencia.

Ademais de identificar as formas principais de violencia machistas que afectan ás nais e ás súas crianzas, desde Materfen tamén queren coñecer cales son as respostas habituais das mulleres. «É importante saber se as denunciaron ou non e por que; que contestación recibiron, e que estratexias adoptaron co fin de superar esas situacións de violencia: separáronse, mudaron de residencia, deixaron o traballo, sacrificaron tempo coas súas fillas, o seu propio descanso...», afirma Campoi.

A todas esas estratexias recollidas as socias de Materfem sumarán as súas propias propostas, «accións de visibilización e denuncia para facer valer os nosos dereitos e contribuír a unha sociedade humana e máis amigábel», explican desde o movemento, que espera poder ofrecer unha primeira valoración dos resultados cara o 8-M.

Materfem

Maternidade Feministas en Compostela reunide desde hai máis dun ano mulleres nais de crianzas de todas as idades. Xúntanse o segundo sábado de cada mes na libraría Lila de Lilith da capital galega, o mesma espazo que acolleu esta cuarta, 27 de novembro, a presentación do Observatorio sobre violencias machistas na maternidade e na crianza.

Botabamos en falta un espazo onde manter a nosa militancia feminista, despois de tela aparcado ou reducido, precisamente, por mor da maternidade.

Segundo conta Comba Campoi, acudiron convocadas por Sabela Losada, outra das fundadoras do movemento. «O primeiro foi un encontro de mulleres que compartiamos a experiencia da maternidade e que botabamos en falta un espazo onde manter a nosa militancia feminista, despois de tela aparcado ou reducido, precisamente, por mor da maternidade».

Chegaron a ese encontro máis de medio cento de mulleres da contorna compostelá. Hoxe son unhas 20 as que lideran a asociación de forma regular. Foron, tamén, as encargadas de abrir novas vías de compromiso co feminismo, confrontando algunhas dinámicas contraditorias propias deste movemento global.

«A maternidade e a crianza mudan os horarios e ofrecen experiencias alleas a moitos círculos sociais. Conseguimos dar con referentes novos e situar as nosas vivencias como nais no marco do feminismo», di Campoi.