A ONU analizará os "incumprimentos" da Xunta nas minas de San Finx e Varilongo

Vista das instalacións da mina de San Finx, en Lousame, que a compañía Sacyr acaba de vender á australiana Rafaella Resources (Foto: Sacyr).
Para a Confraría de Pescadores de Noia a tentativa do Executivo galego de impedir que a ONU poida emitir agora un ditame sobre os incumprimentos en San Finx, só ten o obxectivo de "gañar tempo".

A Confraría de Pescadores de Noia e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) veñen de dirixir un escrito conxunto ao Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus de cara á vista que este órgano da ONU organizará en Xenebra (Suíza) o próximo 22 de marzo.

A visita terá como obxectivo avaliar os “incumprimentos” da Xunta da Galiza nas minas de San Finx e Varilongo, ambas as dúas propiedade da empresa australiana Pivotal Metals.

As dúas organizacións explican como o feito de que o proxecto mineiro non se sometera á avaliación de impacto ambiental, impedindo deste modo a participación pública, supuxo “unha violación da Convención de Aarhus, asinada polo Estado español en 1998 e que consagra os dereitos de participación pública e acceso á información e á xustiza en materia de medio ambiente”.

Achegaron tamén o informe do hidrólogo Steven Emerman, que demostra como a autorización de vertidos que vén de outorgarlle a Xunta á mina “carece de rigor” e “pon en risco a ría”.

Por outra parte, rexeitaron a pretensión da Xunta de pospor a sesión na que o Comité da ONU analizará o caso ata o mes de xuño, tendo alegado a través da Subdirección Xeral de Relacións Internacionais do Ministerio para a Transición Ecolóxica que “non teñen tempo suficiente para preparar a sesión prevista para o próximo 22 de marzo”.

Todo isto, explican desde a Confraría de Pescadores de Noia e a PDRA, “a pesar de que o caso leva aberto desde 2017 e que tanto os comunicantes como a propia Xunta xa remitiron os seus escritos de conclusións en 2019”.

Para a Confraría de Pescadores de Noia a tentativa do Executivo galego de impedir que a ONU poida emitir agora un ditame sobre os incumprimentos en San Finx, só ten o obxectivo de “gañar tempo e privar as entidades que mostraron a súa oposición á autorización de vertidos da posibilidade de incorporar o pronunciamento da ONU ás demandas xudiciais que se irán iniciar a raíz dese permiso”.

A PDRA intervirá

A PDRA, que xa solicitara en 2019 a condición de observador no procedemento que se desenvolve no Comité Aarhus da ONU, ten previsto intervir na sesión que decorrerá no Palacio das Nacións o 22 de marzo.

Deste modo, espérase que a ONU emita un ditame onde quede patente que “foi vulnerada a Convención de Aarhus e se obrigue o Estado a someter a mina de San Finx a unha avaliación de impacto ambiental no que se consideren todos os seus potenciais impactos, incluíndo a ría de Muros e Noia e os seus bancos de marisqueo”.