Nacións Unidas advirte ao Estado español polo risco das presas mineiras de San Finx

O Estado español someteuse en Xenebra á súa terceira volta no Exame Periódico Universal (EPU), un mecanismo do Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas que, desde 2005, examina periodicamente a situación dos dereitos humanos en todos os países do mundo. Entre estes dereitos, inclúense os dereitos ambientais.

Aínda que este ano a revisión do Estado español centrouse na situación en Cataluña, o relatorio da Oficina do Alto Comisionado das Naciones Unidas para os Dereitos Humanos tamén recolleu os apelos a garantir “o respecto dos dereitos ambientais mediante a supervisión e a restauración adecuadas das instalacións que requiran atención urxente, en particular as presas de estériles mineiros abandonadas”.

Contraminacción informa que o relatorio do Alto Comisionado referiu un informe dunha das entidades con estatuto consultivo especial ante a ONU “que ilustrara esta situación co exemplo do caso das presas de residuos mineiros das Minas de San Finx, en Lousame, que están sendo obxecto dunha investigación ante o Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, tamén dependente das Nacións Unidas”.

O informe indica, afirma Contraminacción, que no caso das presas mineiras de San Finx “unha falla implicaría impactos ambientais e humanos significativos”, sinalando ademais como as autoridades autonómicas “obstruíron o acceso a información ambiental crítica”.