Europa sopesa enviar unha comisión de investigación á mina de San Finx

Explotación da mina San Finx. Abaixo: Joam Evans, portavoz de Petón do Lobo.
A Comisión de Peticións da Eurocámara abordou esta cuarta feira a denuncia pola contaminación derivada da vella explotación mineira, que trasladou o representante da asociación Petón do Lobo Joam Evans.

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo permitiu que a denuncia sobre a contaminación provocada pola explotación mineira de volframio e estaño de San Finx, en Lousame, quede aberta, tal e como reclamou na sesión Joam Evans, representante da asociación Petón do Lobo. En palabras do peticionario, a decisión abre a porta a enviar a San Finx unha misión de investigación da Eurocámara “para chegar ao fondo desta cuestión, ante o problema tan grave que supón a presa de residuos mineiros”. “Parece que hai vontade por parte da gran maioría dos grupos, de todos agás do PP”, informa o portavoz do Petón do Lobo, quen censura a posición do goberno galego, por demorar ata o día de onte o envío dun informe solicitado en xullo de 2018 pola propia Comisión, o que supón, observa, “unha tomadura de pelo ao Parlamento Europeo e o resto das institucións”, tanto polo atraso como polo contido do mesmo. “O informe remitido onte descarta que se trate dunha presa de residuos mineiros, cando toda a documentación di o contrario”, advirte o portavoz.

A denuncia polos efectos contaminantes da mina foi incluída na axenda da Comisión de Peticións a demanda do BNG, a través do grupo Verdes-ALE. Como indican desde o BNG, xa en xullo de 2018, o colectivo ambiental e cultural Petón do Lobo denunciou ante a Comisión de Peticións a contaminación na ría de Noia debido ás verteduras de augas ácidas con altos niveis de metais pesados, como cadmio, cobre e zinc moi por riba dos niveles legais permitidos pola Directiva Marco da Auga –que establece os límites máximos de certas substancias perigosas e perigosas prioritarias nos ríos europeos-.

Tras a decisión, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, expresou a súa “satisfacción” por que este camiño se manteña aberto e considerou “indispensable” a visita dunha misión oficial do Parlamento Europeo para analizar a explotación mineira de San Finx así como a megaminería contaminante na Galiza. Do mesmo xeito, Miranda censurou que o informe da Xunta solicitado pola propia Comisión no 2018 non chegara ata onte, 1 de outubro, “con ano e medio de atraso”, e criticou o seu contido, “no que o goberno galego di que non é preciso informe de impacto ambiental para a mina de San Finx”.  
 
O BNG vén denunciando que as verteduras desta explotación estanse a producir a sete quilómetros dos bancos de marisqueo, nunha zona catalogada como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) da Rede Natura. “Non se pode permitir que se poña en risco a actividade produtiva da ría de Noia da que viven tantas persoas”, subliña a portavoz do BNG en Europa.