Lucía R. Cao, participante no proxecto de sensibilización ambiental 'A mina contamina'

"A distinción da ONU contrarresta os intentos do 'lobby' mineiro por invisibilizarnos"

Lucía R. Cao, no centro forma parte do equipo impulsor do proxecto 'A mina contamina'
A Universidade das Nacións Unidas vén de recoñecer o proxecto galego de sensibilización ambiental A mina contamina como “Proxecto Insignia  Extraordinario” na oitava edición dos seus premios a proxectos innovadores de educación para o desenvolvemento sustentábel, que galardoan as mellores iniciativas pedagóxicas a nivel mundial neste ámbito. 

A iniciativa, impulsada pola fundación Montescola e o Centro de Saberes para a Sustentabilidade, componse dun libro infantil ilustrado, unha serie de unidades didácticas e material pedagóxico asociado mais un documental sobre o proxecto mineiro de San Finx, en Lousame. Con esas ferramentas,  o proxecto busca sensibilizar sobre os conflitos e impactos ambientais e socioeconómicos asociados ao extrativismo mineiro.

"Vimos que había unha necesidade de facer fronte a todo o lavado de cara que fai o lobby mineiro, que ataca con maior intensidade o sector máis vulnerábel, como son as crianzas, a través dos centros de ensino e as ANPA, organizando visitas a museos mineiros e 'vendendo' as bondades da minaría a través de materiais didácticos –como é Coñece a minaría da Galiza, da Cámara Mineira–, pero ocultando os desastres que causa", explica Lucía R. Cao, membro de Montescola e coordinadora tanto do libro, como do material didáctico que compón A mina contamina.

A visibilidade que dá o recoñecemento da ONU

O Instituto para o Estudo Avanzado da Sustentabilidade da Universidade das Nacións Unidas escolleu a proposta galega como gañadora na categoría de proxectos que contribúen no Obxectivo do Desenvolvemento Sustentábel 12, relativo á Produción e consumo responsábeis. A iniciativa foi ademais un dos seis proxectos de todo o mundo que alcanzaron a máxima categoría de “Proxecto Insignia Extraordinario”, reservada ás propostas máis innovadoras e mellor fundamentadas desde o punto de vista pedagóxico e científico.

"Para nós –admite a participante– é un recoñecemento fundamental, porque cando te metes nun proxecto que, coma este, é socialmente polémico, ter un respaldo detrás dáche unha forza que non terías doutra maneira". Como avanza, a distinción facilitará o traballo de promoción e difusión dos materiais, para ampliar o seu coñecemento. "Non é o mesmo dicir que es a fundación Montescola que dicir que es un proxecto premiado pola Universidade da ONU, sobre todo coa presión que sufrimos por parte do lobby mineiro, que trata por todos os medios de menosprezar e  de invisibilizar o noso traballo. Ter este apoio é un recoñecemento e unha forma de darlle visibilidade", incide. 

Traballo colaborativo

O proxecto, que se pode consultar e descargar de forma gratuíta na lapela de programas da web www.saberes.eu, é, en palabras da integrante na entidade promotora, o resultado dun labor colaborativo. "A min tocoume coordinar o libro e as unidades didácticas, mais é un traballo de moitas persoas, xente que participou nas unidades didácticas, profesorado de distintos institutos, ou persoas como Irene Pin, autora do documental San Finx 1960, un exercicio pioneiro sobre a recuperación de memoria ambiental. O proxecto foi avante grazas a xente que, como ela, se involucrou de forma desinteresada", subliña R. Cao.

É, segundo apunta, un traballo "dinámico", que partiu do caso de San Finx, pero que "pretende ser adaptábel a outras realidades". "Queremos que os materiais sexan extrapolábeis, porque existen moitos máis casos, no noso país e no mundo, e as dinámicas son as mesmas: chegar e espoliar. Detrás, hai un 'monte' de problemas que se ocultan, e a Administración, por connivencia ou por neglixencia,  non actúa. Se non hai unha mobilización social que estuda a documentación e investiga, eses proxectos extrativos seguen adiante malia ser verdadeiras aberracións, mesmo desde o punto de vista da lexislación", salienta a activista. 

De seguido, apunta: "Eu non concordo coa lexislación galega, nin coa do Estado español nin coa da Unión Europea en materia de minaría, mais se se cumprise non teriamos os problemas que temos".