Onda de solidariedade con Iria Pinheiro nas redes

Iria Pinheiro [Foto: Olaia Sendón]

"Valentísima #IriaPinheiro, a primeira actriz galega en denuncia-lo acoso detrás das cámaras", deixou escrito en twitter @miktrazapina. "Todas con Iria. Moito noxo!.#IriaPinheiro", anotou @sasagz. Son apenas dúas mostras das múltiples expresións de apoio á actriz que denunciou por acoso o director do programa da TVG "Con amor e compañía".

Colectivos profesionais -desde a unión de actores e actrices galega e española até o colexio de xornalistas da Galiza pasando pola asociación galega de directores e realizadores- e moitas persoas a título individual expresaron nesta fin de semana o seu apoio a Iria Pinheiro e a súa repulsa pola situación de acoso denunciada pola actriz e cantante ourensá.

 

Non faltaron os chíos de alento a Pinheiro desde o mundo da política. Noa Presas, secretaria de Acción Feminista do BNG, escribiu na súa conta twitter: "A solidariedade con Iria Pinheiro, por descontado. Vaia tamén o agradecemento por dar a cara. Unha valentía que dará a man a outras mulleres para saír do silencio"; en tanto que Rocío Fraga, concelleira de Igualdade e Diversidade da Coruña (Marea Atlántica), apuntaba: "Se tocan a unha tócannos a todas, compañeira #IriaPinheiro non estás soa".

 

 

Abundaron tamén os chíos e post que apelaban á campaña global #metoo, lanzada por actrices de Hollywood para denunciar situacións de acoso sexual moi frecuentes na industria do cinema norteamericano. E tamén algunha que outra crítica a quen, sendo coñecedor da situación vivida por Pinheiro, non colaborou na denuncia. "Triste que os seus compañeiros prefiran calar por un traballo que denunciar estas merdas e gañar calidade de trabajo e dignidade a medio prazo. Valente Iria Pinheiro e covardes (e lamentables) o resto", escribiu @Flipaita33.

 

 

E a respeito da atención mediática emprestada a esta denuncia -que foi avanzada por Sermos Galiza- tamén se puideron ler en twitter críticas á falta de interese dos meios españois: "Ni en @elmundoes, ni en @abc_es, ni en @elespanolcom, ni en @larazon_es, ni en @eldiarioes, ni en @publico_es he encontrado ningún artículo sobre la denuncia de la actriz Iria Pinheiro", chiou @martinnncg. En El País e La Vanguardia si que apareceron referencias.

 

En Facebook, a actriz Larraitz Urruzola vía "noxento" e "inxusto" que as mulleres sofran acoso en tanto que, en troca, os "acosadores" se moven "con total impunidade" . Na mesma rede, a xornalista María Yáñez escribía: "Isto é atroz, pero non nos parece incrible nin moito menos. Nin o acoso nin a indiferenza arredor, por parte da produtora do programa, e da avogada do gremio [refírese á asociación de actores e actrices de Galiza] que desistiu de emprender accións legais porque "ninguén vai dar a cara por ti".