A OMS sobre a orixe da Covid-19: "Todas as hipóteses están abertas"

O director da OMS, Tedros Adhanom, ante a prensa (Imaxe: OMS)
Tedros resaltou que saber a orixe do virus é "científica e moralmente correcto, primeiramente para previr a próxima pandemia e en segundo lugar para saber como perdemos aos nosos seres queridos".

O director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanom Ghebreyesus, insistiu en que "todas as hipóteses sobre a orixe do coronavirus seguen sobre a mesa".

Así se pronunciou Tedros esta sexta feira en rolda de prensa desde Xenebra (Suíza) tras as acusacións de varias entidades de EUA de que "moi probablemente un posíbel incidente de laboratorio" en Wuhan (China) foi a orixe da pandemia da Covid-19.

Os comentarios o director do FBI, Christopher Wray, producíronse dous días despois de que o Departamento de Enerxía (DOE, polas súas siglas en inglés) publicase un informe no que determinaba con "baixa confianza" que unha fuga dun laboratorio fose o responsable do inicio da pandemia.

Con todo, a Casa Branca evitou confirmar a posición da Administración Biden respecto ao informe do DOE, despois de que Pequín lle recreminase a politización do virus.

Ao fío, Tedros lamentou que a "continua politización da investigación das orixes converteu o que debería ser un proceso puramente científico nun fútbol xeopolítico". "Isto non fai senón dificultar a tarefa de identificar as orixes. E iso fai que o mundo sexa menos seguro", denunciou.

En calquera caso, insistiu en pedir a China "que sexa transparente á hora de partillar datos, e que leve a cabo as investigacións necesarias e comparta os resultados". Por iso, lembrou que escribira a dirixentes chineses "de alto nivel" e falara con eles "en múltiples ocasións, fai tan só unhas semanas".

Tedros tamén volveu a negar que a OMS abandonase os estudos sobre a orixe do virus: "Quero deixar moi claro que o traballo da OMS para identificar as orixes da pandemia da Covid-19 continúa, contrariamente aos recentes informes dos medios de comunicación e os comentarios dos políticos".

Así, pediu que "se algún país ten información sobre as orixes da pandemia, é esencial que a comparta coa OMS e a comunidade científica internacional". "Non para culpar a ninguén, senón para avanzar na nosa comprensión de como empezou esta pandemia, de modo que podamos previr, prepararnos e responder a futuras epidemias e pandemias", remachou.

Hai dúas semanas, tanto Tedros como a doutora Maria Van Kerkhove, epidemióloga líder da OMS, negaron que se abandonase a investigación para coñecer as orixes da Covid-19 en China, tal e como aseguraba un artigo publicado na revista 'Nature'.

A publicación científica apuntaba que a OMS dera "carpetazo discretamente" á segunda fase da súa investigación sobre as orixes da pandemia, alegando "as dificultades para levar a cabo estudos na China".

Van Kerkhove negou categoricamente esta información. "Trátase dun erro de información que é realmente preocupante porque está a provocar algúns titulares que son inexactos. Creo que debemos deixar perfectamente claro que a OMS non abandonou o estudo das orixes da Covid-19. Non o fixemos. E non o faremos", defendeu.

En xaneiro de 2021, a OMS organizou un equipo internacional de expertos para investigar a orixe do virus en Wuhan (China), onde se detectou por primeira vez. En colaboración con investigadores chineses, o equipo levou a cabo unha revisión inicial.

Despois de realizar esta primeira investigación, o equipo de expertos publicou un informe en marzo do mesmo ano, no que se presentaban catro posibeis escenarios sobre como o virus podería xurdir. Segundo o informe, o máis probable era que o virus se propagase dos morcegos aos humanos, posibelmente a través dunha especie intermediaria.

A fase inicial da investigación sentou as bases para unha segunda fase de estudos máis detallados destinados a determinar con maior precisión o que ocorreu na China e noutros lugares en relación coa orixe do virus. Con todo, até o de agora esta segunda fase non se produciu.

Van Kerkhove asegurou que a OMS segue prevendo "múltiples misións" tanto a China como a outros lugares para realizar "varios tipos de estudos" sobre a orixe do virus. "Necesitamos coñecer as orixes dos animais sospeitosos, información sobre o comercio de animais salvaxes, os mercados...", exemplificou.

Polo tanto, sostivo que, ao contrario do que afirma o artigo en 'Nature', non se produciu "ningunha ocultación silenciosa de ningún plan". "Fomos e seguimos sendo abertos e transparentes. Non pararemos até comprender as orixes disto", reiterou.

Tedros resaltou que saber a orixe do virus é "científica e moralmente correcto". En primeiro lugar, detallou que cientificamente é necesario "para previr a próxima pandemia".

E no terreo moral porque "millóns de persoas perderon a vida". "O mundo enteiro foi tomado como refén por un virus. É moralmente moi importante saber como perdemos aos nosos seres queridos", engadiu.