Covid-19: a OMS recomenda seguir usando a máscara en interiores e transporte público ante a variante 'Kraken'

Consumición na barra dun bar coruñés cando aínda era obrigatorio levar a máscara en interiores. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Hans Henri Kluge insta os países europeos e asiáticos a "redobrar" os esforzos para evitar un novo descontrol do coronavirus: "Isto significa investir e salvagardar o persoal sanitario, cuxa precaria situación en moitos lugares podería socavar a prestación eficaz dos servizos de saúde".

O director rexional para Europa da Organización Mundial da Saúde (OMS), Hans Henri P. Kluge, vén de recomendar á cidadanía europea, ante a vaga de contaxios de coronavirus na China, seguir usando a máscara en espazos interiores e o transporte público. Kluge precisou que as variantes do virus SARS-CoV-2 que circulan no país asiático son as que xa se viron en Europa e outros lugares previamente.

"Compartimos a opinión actual do Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades de que non se prevé que o aumento en curso en China afecte significativamente a situación epidemiolóxica de Covid-19 na rexión europea da OMS neste momento", detallou. Con todo, o dirixente europeo da OMS subliñou que, malia que a China compartiu información sobre a secuenciación do virus, aínda se precisa información "detallada e periódica", especialmente sobre a epidemioloxía e as variantes locais, co fin de determinar con certeza a evolución da situación.

Por iso, Kluge asegurou que "non é irrazoábel" que os países tomen medidas de precaución para protexer as súas poboacións, mentres se espera información máis detallada sobre a situación na China. Mais tamén pediu que as iniciativas que se adopten sexan "proporcionadas e non discriminatorias".

Os datos recentes dalgúns destes países están a comezar a indicar a presenza crecente do novo virus recombinante XBB.1.5 —coñecida como variante Kraken—, que xa se estivo propagando "rapidamente" polos Estados Unidos. Neste senso, Kluge informou de que aínda hai poucos casos en Europa, se ben xa se está traballando para avaliar o seu potencial impacto.

"Despois de tres longos anos de pandemia, con moitos países lidando con sistemas de saúde sobrecargados, escaseza de medicamentos esenciais e unha forza laboral de saúde esgotada, non podemos permitirnos máis presións sobre os nosos sistemas de saúde", salientou o dirixente europeo da OMS.

Dito isto, pediu aos países de Europa e Asia central "redobrar os esforzos" para implementar estratexias efectivas comprobadas e evitar ser compracentes. "Isto significa reinvestir urxentemente e volver comprometerse cunha vixilancia virolóxica e xenómica mellorada, incluída a vixilancia de augas residuais, segundo sexa factíbel. Isto significa investir e salvagardar o persoal sanitario, cuxa precaria situación en moitos lugares podería socavar a prestación eficaz dos servizos de saúde", engadiu.

Finalmente, Kluge aconsellou aumentar a aceptación de vacinas na poboación xeral, administrar doses adicionais de vacinas a grupos prioritarios, ventilar espazos públicos e concorridos como escolas, bares e restaurantes, oficinas ao aire libre e transporte público, e proporcionar terapias temperás e apropiadas a pacientes con risco de enfermidade grave.

"Estas medidas tamén poden reducir o impacto doutras infeccións respiratorias, en particular, a gripe, coas que os nosos servizos de saúde están a loitar neste momento. Ciencia, vixilancia, responsabilidade: todos estes deben unirse cada vez máis, agora que entramos no cuarto ano da pandemia para garantir un futuro para todos", resolveu.