Olalla Rodil, sobre a campaña do BNG para o 8-M: "Esta campaña está dirixida a falar sobre os dereitos das mulleres"

Acto de presentación da campaña do BNG para o 8-M. (Foto: Nós Diario)
O BNG presentou na quinta feira a súa campaña para o 8-M.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou na mañá desta quinta feira a súa campaña "contra a cousificación e a sexualización da muller" para o día da Muller Traballadora, que decorre cada ano o 8 de marzo.

A formación política pretende exemplificar esta sexualización coa escolla da canción SloMo por parte de RTVE para representar o Estado Español no Festival do Eurovisión, xa que defende que "a letra incide en dar unha imaxe estereotipada das mulleres, letra que é utilizado pola formación nacionalista precisamente para facer a súa campaña".

Na presentación da campaña, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, sinalou que o obxectivo da campaña para o 8-M é "pór a vista na discriminación que aínda existe, cada día, vestida de normalidade, coma se nada pasara”.

“Non somos cousas, non somos obxectos, nin queremos seguir sendo discriminadas con máis pobreza, máis paro, salarios máis baixos ou máis violencias", afirmou Pontón, quen contrapuxo todas esas formas de discriminación fronte á "forza do feminismo das mulleres".

Críticas nas redes sociais

Após publicala nas redes sociais, a campaña recibiu unha vaga de reaccións negativas por parte de usuarias que non compartían a mensaxe ou as formas, ou nalgún caso as dúas, dos cartaces deseñados polo BNG coa letra de SloMo. Moitas das críticas chegaron desde simpatizantes e militantes da formación política, que trasladaron a súa postura sobre o que lles parecera mal.

A deputada do Parlamento galego e viceportavoz do Bloque, Olalla Rodil, saíu ao paso destas críticas. Primeiro na súa conta de Twitter, onde escribiu que "a provocación é necesaria para captar a vosa atención e agora que a captamos, falemos do importante: a cousificación das mulleres, a fenda salarial, a violencia machista". 

Posteriormente, Rodil apareceu nun vídeo do BNG para responder a algunhas destas críticas. A viceportavoz sinalou que non se trata dunha "vinganza" polo resultado do Benidorm Fest nin se centra no certame, senón que que só se empregou como recurso a canción pola actualidade da mesma.

Outra das críticas que recibiu a campaña foi que ataca á Chanel e ás mulleres que "fan co seu corpo o que queren". Olalla Rodil negou isto, e afirmou que a quen quere atacar o BNG é o machismo "presente en todos os ámbitos da sociedade", tamén "na música".

Rodil tamén negou que a campaña do BNG afonde na "criminalización do reggaeton". "Sabemos que o machismo está presente en todos os estilos musicais", engadiu.

Por último, a deputada no Parlamento galego chamou a mobilizarse no 8-M para loitar "polos dereitos de todas as mulleres". "Para ser libres e iguais, porque niso consiste o feminismo", concluíu.