Opinión

Non, mulleres e feminismo non son sinónimos

As imaxes, importan. Marcan atallos na memoria aos fitos nas nosas historias persoais, familiares e, por suposto, tamén políticas. Pensen un intre (sobre todo quen se criara antes de Instagram) no seu álbum familiar: vodas, bautizos, comuñóns, nacementos, viaxes...

Fotografías coidadosamente seleccionadas que van da man da construción da nosa memoria particular, dunha lectura determinada da nosa existencia e que determina, en gran medida, o que somos. 

Nese sentido, a política nin é nin podería ser allea á cultura mediática na que nos movemos. Todo o contrario, os cambios políticos máis relevantes dos últimos anos foron da man da intensificación tecnolóxica e do culto á imaxe, caras máis visibles do proceso de personalización e americanización do xogo político. Así, a competencia pola foto de portada e a imaxe viral vólvese unha loita fundamental. 

As imaxes, representacións gráficas dos corpos, importan, e o feminismo ten acadado éxitos importantes denunciando o inaceptables que resultan fotografías cheas de señoros acaparando todas as esferas do poder. Nese sentido, a foto do pasado sábado chea, unicamente de mulleres é importante. Por moitas razóns.

A primeira, porque é unha proba de xustiza democrática. Que as mulleres, como o cincuenta por cento da poboación que son, estean presentes nos espazos políticos é condición indispensable para poder falar dunha mínima calidade da democracia.

A segunda, porque a imaxe constrúe realidade. No presente e cara ao futuro. Abre o marco do posible para todas as nenas que atopen nesa fotografía a opción de estar nos lugares nos que se toman as decisións. Tamén para os nenos, que vendo esa imaxe poderán entender que nin o poder político nin ningún outro espazo son cotos privados para os homes. 

A terceira, porque malia que dende que se veñen aplicando as listas paritarias houbo asesores que insistiron en que as mulleres tiñan que estar nas fotos, moitas, demasiadas veces, fomos acompañantes vistosas dos que tomaban todas as decisións. Estou ben certa de que ata Díaz, Colau, Oltra, García e, por suposto, Hossain tiveron que escoitar algunha vez “ponte para a foto, que o señor X non saia só”.

A cuarta, porque o teatro de Valencia encheuse de mulleres. De mulleres diversas que se sentiron interpeladas. A Ciencia Política (con nesgo de xénero, claro) ten sinalado moitas veces que o interese na política é menor entre as mulleres. Porén, unha pode pensar que é difícil interesarse por actividades feitas á medida dos homes. Pola contra, pode haber milleiros de mulleres desexando participar politicamente, que ven, na aparición de liderados femininos, a esperanza de que a política se ocupe dos temas que verdadeiramente lles importan.

Isto non implica que a política feita por mulleres teña unha esencia diferente nin sexa feminista. Aceptar iso sería tanto como asumir a visión supostamente natural da división sexual que o sistema patriarcal leva reproducindo dende sempre. Do mesmo xeito que non hai unha diferenza biolóxica que nos reclúa nos fogares nin nos faga menos aptas para as Ciencias, as mulleres non somos per se nin seres de luz nin tampouco militantes feministas. Os exemplos son tan abundantes e coñecidos que sobra mencionalos. 

O dereito efectivo das mulleres á participación política é tamén o dereito a seren xulgadas polas súas decisións e actividades. Que sexan os seus resultados os que se sometan á crítica. Así, dende o feminismo, non cabe máis que denunciar as repetidas análises comparadas acerca da traxectoria de dúas mulleres da talla política de Yolanda Díaz e Ana Pontón pola súa coincidencia biolóxica e, se queren, polo azaroso do seu nacemento. Así tamén, dende o feminismo, cabe saudar con optimismo a oportunidade de que mulleres de esquerda e feministas xoguen un papel chave na política deste tempo. Que sexan quen de impoñer unha axenda política feminista, centrada en mellorar a vida de todas as persoas, na equidade, na xustiza social, nos coidados, no medio ambiente e na loita contra as violencias machistas será o que acabe por darnos a razón. 

Comentarios