Oitava condena ao Estado español por non investigar torturas

[Imaxe Info7/Naiz]

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos resolveu a denuncia interposta por Xabier Beortegi por unanimidade. VÍDEO NO INTERIOR.

Máis unha sentenza contra o Estado español por vulnerar a Convención europea de dereitos humanos. No concreto o seu artigo 3 ao non investigar as torturas denunciadas en 2011 polo cidadán vasco Xabier Beortegi. Trátase da oitava condena desde 2004. 

Xabier Beortegi foi detido en 2011 nunha operación policial contra Ekin, durante a incomunicación foi torturado no que relatou como "a experiencia máis extrema" da súa vida

O fallo de Estrasburgo produciuse por unanimidade das persoas que compoñen o tribunal e sinala a ausencia dunha investigación "en profundidade e efectiva" a respeito da denuncia presentada por Beortegi. De facto, segundo recolle a sentenza a falta desas pescudas imposibilitan o tribunal afondar no propio obxecto da denuncia, isto é, as torturas sufridas polo veciño de Errotxapea cando en 2011 foi detido pola Garda Civil sob a acusación de pertenza a organización terrorista nunha operación contra Ekin. 

Golpes e bolsa

Segundo relatou Xabier Beortegi ao tribunal e tamén nunha rolda de imprensa na que presentou o seu caso, durante a viaxe a Madrid foi insultado e golpeado na cabeza, os testículos e as costelas por catro axentes que o acompañaban. Aliás, durante o tempo que estivo incomunicado foi sometido a asfixia mediante bolsa, vexado e mesmo ameazado con lle aplicar electrodos e violalo cunha porra

Beortegi asegurou ter recibido un cuestionario con preguntas e respostas que lle obrigaron a memorizar para posteriormente prestar declaración en presenza dun avogado de oficio. 

Trátase da oitava sentenza contra o Estado español, a anterior referida á mesma operación policial

Perante o xuíz da Audiencia Nacional retractouse da súa declaración mais este ordenou a súa posta en liberdade sen maior investigación. O 16 de maio de 2011 interpuxo unha denuncia por torturas perante o xulgado de garda de Pamplona que foi arquivada un ano despois ao entender o xuíz que non existían probas. A defensa de Xabier Beortegi rerecorreu perante a Audiencia Provincial e posteriormente recurso de amparo no Constitucional que nen sequera admitiu a trámite o caso

En declaracións públicas Beortegi aseguraba ter vivido "a experiencia máis límite da miña vida" que "no 'buraco' [comisaría] tería dito até que matei Manolete". 

En outubro de 2015 Estrasburgo xa se pronunciara a respeito doutro cidadán vasco detido na mesma operación policial. Nesa ocasión tamén condenou o Estado español por non ter investigado as torturas denunciadas por Patxi Arratibel.