INFORME 'A TORTURA NO ESTADO ESPAñOL 2014'

Un informe testemuña que un mínimo de 21 persoas sofreron torturas en Galiza en 2014

Un documento da Coordenadora para a prevención e denuncia da tortura advirte da persistencia da práctica. A CPDT - da que fan parte organismos galegos como Esculca e Xustiza e Sociedade- documentou en 2014 o maior número de casos nos últimos 10 anos.

Un mínimo de 21 persoas sofreron torturas en Galiza durante 2014 en 12 situacións, cada unha delas afectando a unha ou máis persoas. Son dados do informe 'A Tortura no Estado español' que elabora a CPDT, Coordenadora para a prevención e denuncia da tortura, unha plataforma que agrupa por volta de 50 entidades e colectivos, entre eles os galegos Esculca e 'Xustiza e Sociedade'. A nivel de Estado, o informe fala dun mínimo de 961 persoas que sofreron estas prácticas no ano pasado, a cifra máis alta dos últimos dez anos. En Galiza, o corpo denunciado por estas 12 situacións foi a Policía Nacional en 7 delas, a Local en 3 e o funcionariado de prisións, en 2.

A Coordenadora lembra que no informe non se inclúen todas as denuncias de tortura e maos tratos recibidas. Varias ficaron fóra do relatorio por petición das propias persoas afectadas e outras porque a información non puido ser contrastada. Aliás, un número importante destas situacións non é sequer denunciada, indica a CPDT.

Esta coordenadora afirma que desde 2004 producíronse no Estado español máis de 6.600 casos de tortura e maos tratos

As torturas e maos tratos producíronse sobre persoas que estaban baixo custodia de funcionarios, en comisarías ou prisións, ou durante actuacións das Forzas de seguridade do Estado en diferentes situacións (por exemplo, en mobilizacións).

Mortes baixo custidia policial

A CPDT indica no seu informe que en 2014 contabilizáronse un total de 50 mortes de persoas mentres estas estaban baixo custodia do persoal de prisións e CIE (Centros de internamento de extranxeiros), e das Forzas de seguridade, ou ben durante intervencións policiais. A maior parte destas mortas producíuse cando a persoa estaba baixo custodia da Garda Civil (19 falecementos) e dos funcionarios de prisións (18).