Os oficios tradicionais galegos, ao servizo do desenvolvemento motriz das crianzas

Alumnado de terceiro do grao de Educación Infantil da USC crea, proba e comparte material e actividades inspiradas nos zoqueiros. (Foto: Nós Diario).
Alumnado de Educación Infantil da USC traballa no fomento da expresión corporal da cativada a través dun proxecto de aprendizaxe-servizo inspirado en máis dunha ducia de oficios tradicionais.

"As crianzas cada vez se moven menos e isto ten un efecto directo sobre a saúde. Canto menos se moven máis problemas de sedentarismo aparecen, menos aprenden a moverse e máis dificultades teñen para subir a unha randeeira no parque". A cativada de 0 a 6 anos é cada vez menos hábil desde o punto de vista motriz, afirma a Nós Diario Javier Rico, profesor de Didáctica da expresión e comunicación corporal na facultade de Ciencias da Educación da USC.

Xunto a Geno Rodríguez, encargado da materia de Motricidade infantil, lidera o programa Excoras, Expresión Corporal e Aprendizaxe Servizo, unha iniciativa que busca favorecer o desenvolvemento motriz e a expresión e a comunicación corporal das crianzas desde as aulas universitarias, a través de proxectos anuais creados polo alumando de terceiro do grao de Educación Infantil.

"Hai unha metodoloxía que se chama aprendizaxe-servizo, que convida a desenvolver os contidos dunha materia cunha aplicación práctica que supoña, ademais, un servizo á comunidade", explica Rico. Trátase dunha modalidade en auxe na universidade, que comeza a implantarse tamén en aulas de secundaria. "Ten un gran potencial. No canto de traballar os contidos a través da teoría e a práctica na aula, constrúese un proxecto". O alumando deseña e prepara unha serie de actividades que despois vai experimentar nun contexto real, "similar ao que atopará despois nos centros educativos de infantil", recalca o docente.

'Oficios en miúdo'

Este ano, o alumnado de terceiro de Educación Infantil da USC acordou desenvolver un proxecto inspirado nos oficios tradicionais da Galiza. "A comezos do semestre, en febreiro, formularon varias ideas pero resolveron traballar nun proxecto que poña en valor os oficios tradicionais galegos, agrupados en cinco categorías: o mar, a gastronomía, zapateiros e zoqueiras, muiñeiros e oleiros e canteiros".

Unha trintena de estudantes participan na iniciativa de forma voluntaria. Cadaquén fixo unha sondaxe na súa zona para obter unha representación dos oficios propios de cada comarca. "Saíron 28, mais non todos se poden levar á práctica", aclara Javier Rico.

Entre os seleccionados: xastres, viticultores, leiteiras, labregas, panadeiros, redeiras, percebeiros... Cada grupo é un fío condutor que o alumnado desenvolve a través de bailes, xogos, dramatizacións e mímica. "Cada oficio contará coa súa propia ficha e obxectivos. Gozarán dunha descrición e de propostas específicas que o alumnado levará a unha sesión ao vivo, con nenos e nenas da Asociación Cultural e Recreativa Os Tilos, de Teo".

A primeira experiencia xa tivo lugar. Xirou arredor do labor de zoqueiros, costureiras e palilleiras. A esta seguiulle outra dedicada aos muiñeiros. Fixeron xogos, bailaron, manipularon materiais de vello, propio destes oficios: patróns, zocas, fíos, formas; pandeiretas que animaron muiñadas e deron pé ás muiñeiras. "Trátase de levar a un espazo de dinamización infantil actividades que favorezan o desenvolvemento motriz e expresivo das crianzas e que lle permita ao alumnado ver que funciona e que non, para corrixilo". "Se queremos centros educativos nos que o profesorado teña iniciativa, propoña e se sirva do seu contorno, o alumando ten que ser autónomo", sentencia Rico.

Ideas ao servizo da educación infantil

Carmela, a labrega, é rostro de 'Oficios en miúdo', un proxecto que fomenta "a aprendizaxe colaborativa" e que comeza a coller corpo na internet e nas redes sociais, como fixeron antes os seus predecesores: 'Nós xogamos na casa' e 'As aventuras de Luli'. "Procuramos un espazo onde compartir todos os recursos, neste caso, os oficios, coa súa historia e descrición, con todo o seu potencial. Queremos que os docentes de Educación Infantil teñan acceso programen nas aulas unha actividade cos oficios da súa zona", di Rico.