A oferta de billetes de Renfe para marzo non inclúe os trens Avril

Gómez Besteiro, Puente e Caballero, en xaneiro, na chegada do tren Avril a Vigo. (Foto: Eduardo Manzana / Europa Press)
Os convois estaban anunciados para o verán de 2022

O operador ferroviario Renfe desbloqueou a venda de billetes para o mes de marzo entre Vigo e Madrid e estas viaxes non inclúen a chegada dos trens Avril á Galiza. Desta maneira, Renfe só ofrece prazas nos trens que tardan máis de catro horas en chegar á capital española desde Vigo, a pesar de que cos Avril o traxecto reduciríase até pouco máis de tres horas e media.

Con todo, o ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, prometeu o pasado mes de xaneiro nunha visita á cidade olívica que estes convois chegarían en marzo. 

O presidente galego en funcións, Alfonso Rueda, cualificou esta quinta feira de "tomadura de pelo" a exclusión da venda de billetes de trens Avril en marzo, antes de ironizar con que "este novo atraso" redunda no que xa ve "un misterio cósmico", en relación cos atrasos destes trens, prometidos inicialmente para o verán de 2022. Rueda tamén lamentou non coñecer "cantas unidades, de que capacidade e as frecuencias" destes convois, porque, segundo alegou, "se hai máis prazas, haberá máis posibilidades de viaxar e baixará o prezo dos billetes"

A este respecto, fontes da Delegación do Goberno español na Galiza confirmaron que a data comprometida por Puente para a chegada dos trens Avril á Galiza "segue adiante". Así, o Executivo español vinculou o desbloqueo da compra de billetes para marzo con "facilitar a adquisición de billetes para Semana Santa", pero desligouna da chegada dos trens Avril. Indicando, ademais, que a sexta feira, 1 de marzo, poranse á venda os novos servizos para o mes de abril. 

Desconvocan a folga

Por outra parte, o Sindicato Español de Maquinistas Ferroviarios desconvocou a folga en Renfe prevista para catro xornadas en marzo, tras chegar a un acordo coa empresa respecto ás convocatorias de emprego público. Ambas as partes reuníronse esta quinta feira e asinaron tamén acordos relativos a mobilidade, á xubilación do persoal e aos cadros de tarefas.