Obxectivo: prescindir das máscaras no exterior en "xullo ou agosto"

Vacinación do grupo de persoas entre 50 e 55 anos en Madrid. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, pon en dúbida que a partir de xuño vaia haber unha vacinación masiva porque dependerá do número de doses dispoñíbeis. En todo caso, opina que o "lóxico" é que as máscaras comecen a desaparecer da cara da xente a partir deste verán.

Pouco despois de que o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciase que o próximo mes vai haber unha “vacinación masiva das persoas menores de 50 anos”, o seu homólogo na Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, puxo en dúbida tal compromiso. Para o seu ver está máis perto a saída sen máscara malia que o virus continúe en circulación.

Para Feixoo non se pode garantir ese ritmo porque vai depender dos fármacos que vaia chegando. “Vai depender do número” de doses, polo que a estas alturas non podería “confirmar que vaia haber suficientes” para que a afirmación de Sánchez sexa realidade.

“Oxalá”, dixo, destacando que polo de agora non houbo tales campañas. "Se temos capacidade para 100.000 diarias e tócannos150.000-160.000 en sete días, de momento non temos vacinación masiva", aclarou.

En calquera caso confía en que todas as galegas e galegos estean inoculados dalgún tratamento contra a Covid-19 antes de final de ano.

O que si está na súa mente é que a máscara vaia deixando de ser un complemento indispensábel.

“O lóxico é que a máscara vaia caendo a partir do mes de xullo ou agosto”, comentou, se ven referíase só a espazos exteriores. Insistiu na cuestión de que os movementos sexan “ao aire libre”.

"Os epidemiólogos que forman parte do comité clínico dinnos que o lóxico é que a medida que avance a vacinación, entendemos que por xullo-agosto as máscaras en exterior non serán necesarias salvo en rúas moi concorridas ou cando non sexa posíbel a distancia social", engadiu.

Fernando Simón, na mesma liña

Nesta mesma liña manifestouse esta segunda feira, o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, que ve "moi probábel" que "en non moitos días" haxa unha rebaixa das situacións nas que se empregan as máscaras grazas á boa evolución epidemiolóxica e ao ritmo de tratamento da poboación.

"Aínda non temos nin unha incidencia, nin unha cobertura de vacinación, nin unha inmunidade comunitaria suficientemente alta como para relaxar as medidas de protección persoal", puntualizou sobre o momento máis inmediato.