Sanidade prevé que toda a poboación galega estará vacinada este ano

Recepción do cargamento con parte das vacinas. (Foto: Ana Varela / Xunta da Galiza)
Para iso será necesario que se "incrementen" o número de doses recibidas e "a comercialización de antíxenos desenvolvidos por outras farmacéuticas".

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, considerou que a vacinación de toda a poboación galega pode concluír "antes de final de ano" no caso de que "se incrementen o número de doses recibidas e se comercialicen antíxenos desenvolvidos por outras farmacéuticas, tal e como se prevé".

Nunha entrevista concedida á Cadena Ser sinalou que resulta "indubidábel" que a vacinación na Galiza avanza "a un ritmo moi importante", e lembrou que, segundo as previsións de recepción de vacinas avanzadas polo Goberno español, as entregas de doses incrementaranse no verán, o que permitirá alcanzar a inmunidade de grupo a mediados de agosto.

En canto á vacinación de menores, lembrou que xa se abordou na última comisión nacional de saúde pública e que a Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés) deberá pronunciarse ao respecto. Así, apuntou que a administración de doses a estas persoas podería comezar antes de finalizarse a das de maior idade, e insistiu en que se deberá decidir se se comeza coas máis maiores deste grupo ou coas que presenten patoloxías.

Así mesmo, lembrou que en torno a 95% das maiores de 60 anos recibiron polo menos unha dose na Galiza, e puxo o foco na dispersión xeográfica da poboación, o que "pon obstáculos" á vacinación domiciliaria. Así, indicou que neste momento comezouse a administración de doses ao colectivo de entre 59 e 50 anos, que suma 400.000 persoas, e esperou que conclúa o próximo mes, cando podería iniciarse a vacinación dos menores de 50 anos.

Astrazeneca

Carmen Durán tamén lembrou que a próxima semana abordarase a vacina que se debe administrar ás persoas menores de 60 anos que xa recibiron a primeira dose de AstraZeneca na Comisión Nacional de Saúde Pública. Así, volveu a apostar por inocular a segunda dose co antíxeno da mesma farmacéutica 12 semanas despois da primeira, e lembrou que a posición que defenderá Sanidade a próxima semana alíñase coas recomendacións da EMA e a propia multinacional.

A tamén integrante do comité clínico que asesora á Xunta indicou que en Israel permitiron non utilizar a máscara en espazos públicos cando se alcanzou 50% da poboación vacinada sen que se observase un aumento dos contaxios. Por iso, apuntou que cando se alcance esa porcentaxe de vacinación será preciso "ver que estudos hai sobre a mesa" sobre a capacidade para transmitir o virus das persoas inmunizadas para expor unha relaxación das medidas sanitarias.

En canto á aparición de novas variantes, a directora xeral de Saúde Pública lembrou que a india "transmítese máis", pero "prevense exactamente igual", co uso de máscara e o mantemento da distancia de seguridade.