A obesidade está máis perto do que se cre

AdobeStock_410925277
Hoxe, Día Mundial da Obesidade, especialistas en Endocrinoloxía e Medicina Interna alertan do seu impacto na saúde.

A Galiza é un dos territorio do Estado con máis sobrepeso e obesidade asegura a Nós Diario a xefa do servizo de Endocrinoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, Teresa Martínez. Por xunto, afirma, o exceso de peso atinxe unha ampla porcentaxe da poboación, superior a 60%. "Está moito máis perto do que todo o mundo cre", advirte.

Segundo datos da Sociedade Española de Cardioloxía, galegos e andaluces presentan as maiores taxas de obesidade do Estado. O Estudo Nutricional da Poboación Española (ENPE) de 2020 revela que 37,7% dos galegos e galegos ten sobrepreso e 26,7% obesidade. Son os datos que manexa tamén a Sociedade Galega de Medicina Interna

"A diferenza entre sobrepeso e obesidade é ningunha", comenta en declaracións a este xornal o seu presidente, Juan González Soler. "Estamos a falar da mesma enfermidade só que en estadios distintos" marcados polo índice de masa corporal, un número que pon en relación a altura e o peso dunha persoa.

En ambos os dous casos, di, "trátase dun exceso de acumulación de tecido graxo no noso organismo ou a unha mala distribución desa graxa".

A obesidade é unha doenza crónica e complexa determinada por factores xenéticos, hormonais, ambientais e condutuais. "O paciente con exceso de peso non é só aquel que inxire moitas calorías ou que é moi sedentario". Esta visión, sinala González Soler, é resultado do estigma que aínda pesa sobre esta doenza e que leva a pensar que as persoas obesas son aquela "que fan as cousas mal, cousa que non ocorre con alguén que é hipertenso ou ten colesterol".

Cambio de hábitos

Na mesma liña, apuntan os especialistas médicos, o aumento da incidencia da obesidade na Galiza responde a varios causas, mais poñen o foco no empeoramento dos hábitos nutricionais e na diminución da actividade física. "Foi algo progresivo, pero o tipo de vida que levamos favoreceu este incremento. Antes viviamos máis no rural e a mobilidade era maior. Nas cidades os traballos son máis sedentarios e camiñamos pouco".

Teresa Martínez suma a esta perda de actividade un cambio drástico relacionado coa alimentación. "A xente tende a comer en calquera sitio. Xa non cociña, porque hai moitas posibilidades ao noso alcance para poder comer sen necesidade de aprender a comer", unha aprendizaxe nefasta para a poboación infantil, onde a prevalencia da obesidade xa se considera un dos principais problemas de saúde pública.

González Soler achega outro enfoque: "Alimentarse mal é moito mais barato que alimentarse ben, co cal a obesidade é máis prevalente entre colectivos con menos recursos económicos. E onde mellor se observa, e hai estudos que o demostran, é entre a rapazada".

Factor de risco

A obesidade é un problema de saúde serio, un dos factores de risco máis importantes para outras moitas doenzas. "Favorece as enfermidades cardiovasculares", apunta Martínez. Infartos, ictus, arteriopatía periférica. Tamén as enfermidades respiratorias, problemas osteoarticulares, "e cada vez máis identifícanse novos tipos de cancro que gardan relación estreita coa obesidade", engade González Soler. 

O exceso de peso, ademais,  está relacionado con outros factores de risco como a hipertensión ou a diabetes tipo 2 -motivada en 90% dos casos pola obesidade-. "E o que sabe desde hai moito tempo é que diminúe os anos de vida".

Tratamento complexo e a longo prazo

A obesidade non ten unha solución única, concordan os especialistas consultados. Non hai unha pílula, nin unha vacina nin unha operación que resolva o problema. Exixe sempre un tratamento multidisciplinar sobre varios factores que inclúe máis e mellor información en materia de nutrición, exercicio físico e asesoramento psicolóxico.

A maiores, existen unha serie de tratamentos farmacolóxicos e cirúrxicos -cirurxía bariátrica- que axudan a determinados pacientes. En todo caso son tratamentos individuais, complexos e a longo prazo.