Veto da Xunta

María Obelleiro: "O xornalismo en galego é posíbel a pesar da Xunta"

De esquerda a dereita, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o xornalista Luís Pousa, e a directora de 'Nós Diario', María Obelleiro. (Foto: Arxina)
A directora de 'Nós Diario' participou esta quinta feira nas xornadas organizadas polo Consello da Cultura sobre a censura nos medios de comunicación.

A directora de Nós Diario, María Obelleiro, denunciou nesta quinta feira a censura á que somete a Xunta os medios de comunicación "independentes" e que "empregan o galego".

Obelleiro subliñou que "o mesmo día no que se celebrou a Liberdade de Prensa, o 3 de maio, recibimos unha notificacion asinada pola secretaria xeral de Medios da Xunta, que está en funcións, porque marcha con Feixoo a Madrid, pola que nos denega as axudas á prensa escrita malia cumprirmos os requirimentos que recollen as bases da convocatoria".

A directora do xornal participou na xornada 'Censura e silencios nos medios de comunicación', organizada polo Consello de Cultura Galega (CCG), na mesa redonda 'Facer xornalismo en galego. É posíbel', xunto co presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes, e o xornalista Luis Álvarez Pousa.

Víctor Freixanes, María Obelleiro, Rosario Álvarez e Luís Álvarez Pousa (Imaxe: Arxina)

Neste sentido, expuxo que o Goberno galego exerce un tipo de censura económico, "favorecendo e premiando os xornais que lle son próximos, e castigando e vetando a quen exercemos un xornalismo crítico".

Modelo de axudas da Xunta

Obelleiro detallou o sistema de axudas da Xunta aos medios de comunicación, que se divide en tres vertentes. En primeiro lugar, referiuse ás subvencións directas. "Hai dúas liñas. Unha é de axudas aos medios exclusivamente en galego, a das faragullas", salientou a directora de Nós Diario, "para a que a Xunta destina 200.000 euros, polos 635.000 que destina, por exemplo, o Goberno de Baleares aos medios en catalán, tendo a metade de poboación".

"A outra liña de axudas, da que nos excluíron malia cumprirmos os criterios e que favorece medios que só levan a lingua galega na capa unha vez ao ano, o Día das Letras Galegas, ascende a 1,25 millóns", engadiu. 

En segundo lugar, falou dos contratos menores, nos que non existe "transparencia". "A través desta vía, a Xunta gastou o ano pasado 10 millóns, entre os medios que quixo. Tamén entre os que incumpren a lei de normalización lingüística, como Libertad Digital ou o ABC".

Un dos asistentes ao relatorio mostra un exemplar de 'Nós Diario'. (Foto: Arxina)

Finalmente, referiuse aos convenios de colaboración, dos que advertiu da súa "opacidade", e nos que a Xunta repartiu máis de 18 millóns de euros en 2017, cifras ás que Sermos Galiza tivo acceso.

"Censura" e "silencios"

"Como non vai haber censura e silencios con este panorama mediático?", preguntouse Obelleiro. "Esta é unha das chaves de que Feixoo gañe maioría absoluta tras maioría absoluta", engadiu.

Para a xornalista, "esta é a maneira que ten o poder de exercer presión sobre os medios de comunicación para controlalos". Nese punto, a directora de Nós Diario salientou o modelo de xornalismo de Sermos Galiza. "É posíbel grazas ás achegas de moitas persoas que cren que un xornalismo galego e independente, que non depende do poder, é posíbel".