Obelleiro, Partal e Otamendi analizan o panorama informativo das nacións sen Estado en Compostela

Martxelo Otamendi, Xoán Costa, María Obelleiro e Vicent Partal este sábado en Compostela (Foto: Nós Diario).
A compostelá Nave de Vidán foi o escenario escollido para a Conversa-Debate que tivo lugar na mañá deste sábado entre María Obelleiro (Directora de 'Nós Diario'), Vicent Partal (director do diario en catalán 'Vilaweb') e Martxelo Otamendi (director do diario euskaldún 'Berria').

A compostelá Nave de Vidán foi o escenario escollido para a Conversa-Debate que tivo lugar na mañá deste sábado entre María Obelleiro (Directora de Nós Diario), Vicent Partal (director do diario en catalán Vilaweb) e Martxelo Otamendi (director do diario euskaldún Berria).

O coloquio foi aberto polo presidente de Sermos Galiza SA (empresa editora de Nós Diario), Xoán Costa, que agradeceu ás persoas presentes a súa asistencia así como ás lectoras e lectores o "seu apoio ao medio" e puxo de relevancia os dez anos de Sermos Galiza e de xornalismo en lingua galega.

A importancia dos medios propios

A importancia de ter un medio en lingua propia e que teña como referencia o país foi o eixo sobre o que xirou a intervención de María Obelleiro que destacou o "éxito que teñen Berria no caso de Euskal Herria e Vilaweb no caso de Catalunya". Obelleiro salientou tamén a "rede" que  "conseguiron crear a redor dos seus medios de comunicación propios cun modelo creado en base ás subscricións".

Pola súa parte, Vicent Partal quixo destacar que "imos ir a unha situación moi difícil polas redes sociais. Cada vez é máis difícil chegar ás persoas dado que Facebook e Twitter dificultan cada vez máis a chegada da xente aos nosos medios". 

"Traballar en función das persoas"

A ese respecto, o director de Vilaweb salientou que "hai xornais que decidiron converterse en medios algoritmos que traballan máis en función dos intereses das máquinas e non das persoas".

Ademais, Partal destacou que desde Vilaweb teñen "unha visión moi comunitaria. Entendemos que somos a voz dunha comunidade de lectores e iso fai que superásemos a cifra de 23.000 subscritoras e subscritores, un número que non ten ninguén na prensa dixital e que compite directamente coas subscricións da prensa en papel".

Martxelo Otamendi, pola súa parte, manifestou sobre o medio que dirixe, Berria, que "tentamos ser un medio estándar, que falase de todo o que acontece en Euskadi e no mundo desde unha óptica vasca. Neste período cubrimos moitos acontecementos, como por exemplo os Xogos Olímpicos".

Fechamento de 'Egunkaria'

Otamendi tamén fixo mención especial ao diario Egunkaria, medio do cal fora director e que foi fechado por orde da Audiencia Nacional. Acerca disto, asegurou que "ninguén agardaba que Egunkaria fose obxecto dunha campaña da Audiencia Nacional e da Garda Civil. Foi duro que fechase un medio en euskera e 150 traballadoras e traballadores ficasen na rúa. Ademais, os responsábeis do xornal fomos arrestados, incomunicados e torturados só por facer un medio de comunicación en euskera. 

Acerca da prensa escrita actualmente, o director de Berria explica que, na súa opinión "o negocio da prensa escrita tampouco é un negocio próspero en xeral, polo que nós tratamos de facer un xornal de calidade. A xente recoñécenos o mérito de facer un xornal en euskera mais o importante é facer un que sexa bo e que satisfaga".

O traballo informativo

Para alén diso, Otamendi quixo destacar que "o principal obxectivo do noso medio é informar, non a normalización do euskera, iso é algo que é consecuencia directa do traballo informativo que facemos desde Berria.