Director de 'Vilaweb'

Vicent Partal: "A censura agora, cos medios dixitais, é imposíbel"

Vicent Partal (Bétera, País Valencià, 1960) é director do diario 'Vilaweb'. Defensor da tecnoloxía e da independencia informativa, participa o sábado nun coloquio organizado por Sermos Galiza S.A. aberto a persoas subscritoras e lectoras, ás 11.30 horas, na Nave de Vidán, en Compostela, con María Obelleiro ('Nós Diario') e Martxelo Otamendi ('Berria').
O director de 'Vilaweb', Vicent Partal, xunto ao lema do medio (Foto: Vilaweb).
photo_camera O director de 'Vilaweb', Vicent Partal, xunto ao lema do medio (Foto: Vilaweb).

—Como valora a traxectoria pioneira de Vilaweb botando a vista atrás?
É o máis antigo de Europa que continúa en activo. Evidentemente a chegada dos medios dixitais foi toda unha revolución. Por unha parte contribuíu a unha reformulación e, dalgunha maneira, á desaparición dos medios tradicionais. Non é só culpa de Internet o que pasa na prensa tradicional, mais xogou un papel moi importante. Por outra, democratizou a información, fixo posíbel a aparición de moitas voces que, nun sistema como o anterior que precisaba dun investimento moi forte para comezar, non podían aparecer. 

Mais, pola contra, tamén provocou moita confusión, moitos problemas coa chegada de formatos de diarios por completo dependentes do poder económico ou do político e tamén da prensa de partido, algo que desaparecera en Europa e volveu da man dos dixitais. Non todo foron alegrías. En xeral, salientaría que hai algo que mudou para sempre: a censura agora é imposíbel. Só por iso pagou moito a pena.      

—Como é a realidade do panorama mediático catalán e que papel ten Vilaweb nel?
É diferente do panorama da Galiza onde Nós Diario ten a responsabilidade de ser o xornal na lingua do país. Polo menos nunha parte do territorio dos Països Catalans consolidouse un sistema de medios de comunicación en lingua propia moi importante, tamén nas radios e televisións.

Polo menos nunha parte do territorio dos Països Catalans consolidouse un sistema de medios de comunicación en lingua propia

Non só nos medios públicos, senón tamén nunha colección de prensa tradicional como La Vanguardia ou El Periódico de Catalunya cunha edición en catalán e outra como El Punt, Regió7 ou El9Nou exclusivamente en catalán. 

No mundo dixital, tamén apareceron varios medios. Nese ámbito creo que Vilaweb ten un papel determinante, moi influínte máis polo modelo de xornal que nós representamos. É un medio moi rigoroso, moi serio e trata temas que os americanos denominan hard news: política, economía, cultura, ciencia... e ademais non facemos deportes, algo que en Barcelona ten tamén o seu mérito. 

Temos unha visión moi comunitaria. Entendemos que somos a voz dunha comunidade de lectores e iso fai que superásemos a cifra de 23.000 subscritoras e subscritores, un número que non ten ninguén na prensa dixital e que compite directamente coas subscricións da prensa en papel. Ademais, cun modelo diferente, onde nós ofrecemos toda a información en aberto e a subscrición é por compromiso co proxecto. 

—Cales son as principais barreiras que ten que enfrontar Vilaweb para seguir sendo independente?
Agora mesmo ningunha. A publicidade de Vilaweb representa un 30% dos ingresos e o resto xa é polas subscricións. Non temos no horizonte ningún problema neste sentido. Con esta cifra de subscricións, nós podemos manternos independentes.

Hai dous modelos de subvención, o que se denomina “soporte directo”, regulado, ben no que o Goberno catalán non pode decidir onde vai por estar sometido a unhas fórmulas matemáticas que aceptamos. Mais hai outra subvención grande, que eles chaman “a proxectos”,  que se concede en boa parte por afinidades políticas e ideolóxicas. Nesta última non quixemos participar ao pensar que era un intento de “compra” por parte dos poderes políticos. 

—Fáleme de actualidade, como explica a situación do procès independentista partindo do que aconteceu hai cinco anos?
Hai unha situación “de superficie”, que é da que agora fala a prensa, e outra que non se ve. Por exemplo, a forza da manifestación do 11 de setembro significou que rachara o Goberno. A dinámica do procès onde a rúa aperta moito e obriga a tomar decisións aos políticos estase repetindo. Dous fenómenos frearon o procès: a situación dos presos políticos e a pandemia. Agora estamos saíndo desa etapa e con moita forza.  

comentarios