Director de 'Berria'

Martxelo Otamendi: "O máis importante é facer un xornal de calidade"

Martxelo Otamendi (Tolosa, Euskadi, 1957) é director do diario vasco en euskera 'Berria' e foino antes de 'Egunkaria'. Este sábado intervirá nun coloquio organizado por Sermos Galiza  aberto a persoas subscritoras e lectoras, na Nave de Vidán, en Compostela, xunto a María Obelleiro ('Nós Diario') e Vicent Partal ('Vilaweb').

O xornalista Martxelo Otamendi xubílase despois de 30 anos como director (Foto: Berria).
photo_camera O xornalista Martxelo Otamendi estará este sábado en Santiago (Foto: Berria).

—Berria fará en poucos meses 20 anos. Como resumiría estas dúas décadas en  que a realidade vasca mudou tanto?
Non podemos obviar que Berria nace como reacción popular por parte da xente euskaldún contra o feche de Egunkaria, mais tamén por parte doutra xente á que lle pareceu unha barbaridade ese feito. Tivo un apoio moral e económico importante que se concretou en 4,8 millóns de euros para iniciar outro xornal.

Tentamos ser un medio estándar, que falase de todo o que acontece en Euskadi e no mundo desde unha óptica vasca. Neste período cubrimos moitos acontecementos, como por exemplo os Xogos Olímpicos. Temos todas as seccións que ten un xornal mais cunha atención especial co que acontece na realidade vasca. A liña editorial defende as persoas máis desfavorecidas e as clases populares. Dedicamos unha especial atención á normalización lingüística, aos dereitos e á promoción do euskera. Somos un xornal ecoloxista, feminista, euskaldún e progresista. Procuramos facer un xornal de calidade, que é o máis importante.  

—Vostede xa fora director de Egunkaria, fechado por orde da Audiencia Nacional. Que supuxo ese feche na sociedade vasca?
Ninguén agardaba que Egunkaria fose obxecto dunha campaña da Audiencia Nacional e da Garda Civil. Foi duro que fechase un medio en euskera e 150 traballadoras e traballadores quedasen na rúa. Ademais, os responsábeis do xornal fomos arrestados, incomunicados e torturados só por facer un medio de comunicación en euskera. 

Como resposta, tivo lugar a maior manifestación da historia de Donostia. Recibimos a solidariedade de milleiros de persoas que mesmo non sabían euskera nin mercaran nunca o xornal.

Desa resposta naceu Berria, renovando esforzos e coa idea de facer un medio aínda mellor que o anterior. Con máis páxinas, máis seccións e que puxera máis xente a ler en euskera.   

—Indo á actualidade, como é o panorama mediático vasco en euskera agora mesmo e que papel ten Berria nel?
Somos a principal publicación en euskera en Euskadi. A situación do euskera nos medios de comunicación é a mesma que a da propia lingua. Un 35%, máis ou menos, coñécea, polo que ten un campo de vendas limitado.

A xente recoñécenos o mérito de facer un xornal en euskera mais o importante é facer un que sexa bo e que satisfaga

O negocio da prensa escrita tampouco é un negocio próspero en xeral, polo que nós tratamos de facer un xornal de calidade. A xente recoñécenos o mérito de facer un xornal en euskera mais o importante é facer un que sexa bo e que satisfaga. É o reto que temos todos os medios do mundo, satisfacer as persoas que están dispostas a consumir, ler e achegarse no voso caso ao galego e no noso ao euskera. 

Sabemos que compartimos quiosco con medios moi potentes como El Correo e El Diario Vasco, que teñen un índice de penetración moi alto na prensa comarcal, cada un na súa provincia. Competimos todos os días e, afortunadamente, hai unhas novas xeracións para as que o consumo en euskera é algo habitual.

É diferente á situación que había hai 30 anos, o coñecemento do euskera é maior. É certeira a importancia dos medios de comunicación en euskera para a normalización da lingua. Mais como xornal non o buscamos, queremos facer novas de calidade. A normalización da lingua é unha consecuencia do traballo que realizamos.

—Cales son as principais barreiras que ten que enfrontar Berria para manter a súa independencia e que papel teñen as subscritoras e os subscritores?
As subscricións son as que non manteñen vivos. 85% das vendas do xornal están nese sector, chégalles á caixa de correo entre as 4 e as 8 horas da mañá. A maiores, 15% son vendas en quiosco. Desta maneira, o 1 de xaneiro xa sabemos que porcentaxe de vendas teremos. A xente considera que é importante que teñamos xornais en euskera.

Comentarios