Hilda Cuba, arquitecta

"O Xacobeo vainos comer"

As arquitectas Hilda Cuba e Iago Lestegás organizaron un roteiro coa Gentalha do Pichel para amosar as pegadas do urbanismo en Compostela.(Imaxe: Gentalha do Pichel)
Hilda Cuba é arquitecta e profesora do departamento de Tecnoloxía da Construción na UDC. Xunto co arquitecto Iago Lestegás investiga como afectan os fluxos de turismo á paisaxe e ás habitantes de Santiago de Compostela. 

—Cando se comeza a interesar polo impacto do turismo sobre a poboación?
—Mentres estudiaba en Barcelona. Naquel momento había zonas da cidade que non eran utilizábeis polas non turistas, un problema que se estendeu a outros barrios. Levo cinco anos en Compostela e teño unha sensación similar, de que nun proceso rapidísimo a xente que vías pola rúa mudou, así como os usos do espazo. 

—Que impacto ten o turismo nas veciñas e no tecido comercial local?
—En Santiago o problema é que o tecido produtivo é feble, moita xente vive do turismo. Moitos negocios, queirámolo ou non, rematan vivindo do turismo. Percíbese máis na restauración, pero tamén nos comercios das áreas máis despoboadas de resistentes como o casco histórico. Por outra parte, os albergues están a estenderse por moitas rúas de Compostela. A cidade é pequena e a influencia do turismo percíbese en todas partes, tamén na zona nova. Agora mesmo a Asociación de Veciños do Ensanche é unha das que máis se mobilizaron, denunciando que non hai vivendas para as estudantes ou que o comercio está a verse prexudicado. 

—Medidas como a limitación de vivendas de uso turístico sirven para limitar esa presión do turismo?
—Unha boa normativa é o primeiro paso, pero ten que haber recursos para poder cumplila. E o Concello non ten eses recursos. É necesario estender a normativa, como se propuxo, a zonas ás que non afectaba como o Ensanche. Mais se o Goberno non é quen de facela cumplir na área da Zona Vella, tendo os mesmos recursos non  sirve de nada ampliar a área de actuación. A maiores, o proceso de actuación contra os pisos ilegais é moi complexo.

As axudas ao aluguer moitas veces pervértense, afirma Cuba

—Que políticas de vivenda serían eficaces neste caso?
—Se existise un parque de vivenda pública que permitise ter elementos resistentes e ben distribuídos na cidade, onde podas fixar certo tipo de poboación e determinados prezos de alugueiro, os procesos de xentrificación ou de turistificación atoparían máis barreiras. Tamén fomentar formas de vivenda alternativas, como as cooperativas, que creen eses elementos resistentes fronte o mercado do turismo. As axudas ao aluguer moitas veces pervértense, pois os caseiros saben que existen e acaban en mans privadas. 

Modifícase a cidade priorizando ás turistas sobre as veciñas, di a arquitecta

—Participa nunha comisión no centro social da Gentalha do Pichel que analiza o impacto do turismo na cidade. 
—Fixemos un roteiro pola cidade, foi a nosa primeira actividade. Nel explicamos como afectou o turismo á planificación turística da cidade, con proxectos como a dársena de autobuses de Xoán XXIII, dirixida principalmente ao turismo, ou o da praza de Concheiros. Modifícase a cidade priorizando ás turistas sobre as veciñas. Sempre vén xente que foi afectada dalgún xeito por este proceso, á que botaron do piso ou que tivo problemas para atopar aluguer. O noso principal obxectivo é visibilizar esta problemática. Temos o Xacobeo, que nos vai comer, e non estamos nin organizadas para loitar contra isto. Queremos crear espazos para compartir as experiencias das veciñas e debatelas.