"Aínda vivo aquí", a campaña de Galiza Nova contra a xentrificación

Cartaz da campaña "Aínda vivo aquí" de Galiza Nova en Compostela [Imaxe: Galiza Nova]
A organización Galiza Nova alerta das dificultades que enfronta quen trata de asinar un contrato de aluguer en Compostela. Sinalan a masificación turística e a xentrificación como as principais causas e reclaman medidas para combatelas.

“Cada vez máis das nosas amigas, persoas coñecidas e nós mesmos atopamos problemas para vivir perto do centro. Xa non podemos pagar o que hai cinco ou seis anos, cando chegamos a Compostela, si podiamos”, explica o portavoz comarcal de Galiza Nova en Santiago, Manuel Magán. Así naceu a idea da campaña “Aínda vivo aquí”, que se desenvolverá ao longo do mes de outubro. Nela denuncian desde Compostela a expulsión dos centros urbanos derivada do turismo e da xentrificación.

Desde a organización analizaron as novas dos xornais galegos que en agosto recollían a suba dos prezos do alugueiro, “ao redor do 16% en Compostela”, a cantidade de pisos baleiros en Compostela, “case 10.000”, ou o incremento da chegada de peregrinas nos meses estivais. O seu impacto na cidade non só afectou a poboación, senón tamén a paisaxe urbana. “Facendo lembranza, neste tempo tan breve moitas tendas que antes vendían artigos do día a día transformáronse en lavandarías automáticas, máquinas expendedoras de comida ou tendas de recordos”, engade.

Hai quen directamente só quere alugar a turistas

Prexuízos á hora de asinar o alugueiro

Magán sinala os prexuízos cada vez máis numerosos que enfronta a xuventude á hora de asinar un contrato de arrendamento. “Hai quen non quere alugar a xente de menos de vinte anos, quen non quere alugar persoas cun traballo precario, quen só aluga a rapazas ou só a rapaces ou quen directamente só quere alugar a turistas”, di. Outras medidas, como solicitar tres meses de fianza por adiantado, constitúen unha forte barreira económica para a xente nova, “a barreira de clase”.

Galiza Nova repartirá a vindeira terza feira folletos informativos na praza Roxa. Tamén bandeirolas co lema da campaña, “Aínda vivo aquí”, que convidarán a pendurar a veciñanza nas casas para amosar o seu rexeitamento “á expulsión da súa propia cidade”. A maiores organizará unha mesa redonda a quinta 24 no CSC O Ensanche. “Participarán asociacións ou arquitectos para falar e dar recoñecemento ás distintas problemáticas”, di Magán. Ademais, reclaman medidas para paliar esta situación.

O portavoz comarcal de Santiago explica que escolleron a urbe como punto de partida da campaña, “non tanto porque a suba do alugueiro  sexa maior que noutras cidades, senón porque proporcionalmente a masificación turística que recibe é maior e a comunidade de estudantes máis ampla”. Avanza que desde a organización desexan colaborar con outros colectivos que xa traballan as problemáticas da turistificación e a xentrificación e “estender a campaña a toda Galiza”.