O Supremo rebaixa a pena a un home condenado por abusos sexuais a un menor e elaboración de pornografía infantil

Sede do Tribunal Supremo (Foto: Europa Press).
Segundo os feitos probados, o condenado mantivo numerosas conversacións por WhatsApp cun menor, que entón tiña 14 anos, a quen pediu que lle enviase fotografías e vídeos íntimos de contido sexual.

O Tribunal Supremo rebaixou a pena a un home que foi condenado polos delitos de corrupción de menores, elaboración de pornografía infantil e delito continuado de abuso sexual após revisar o seu caso á luz da reforma do Código penal recollida na lei do 'só si é si'.

A condena baixa dos 21 anos e 11 meses aos 18 anos e 5 meses.

Na sentenza da Sala do Penal estímase así parcialmente o recurso de casación do condenado contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSXC) que confirmaba á súa vez a ditada pola Audiencia provincial de Lleida.

En concreto, a sentenza de instancia impúxolle unha condena de 21 anos e 11 meses de prisión por un delito continuado de corrupción de menores (4 anos), un delito continuado de abusos sexuais (10 anos) e un delito continuado de elaboración de pornografía infantil (7 anos) en relación cun menor.

Ademais, foi condenado a 11 meses de prisión por un delito tentado de elaboración de pornografía infantil en relación con outro menor (7 meses) e dun delito de tenencia de pornografía infantil (4 meses).

A defensa alegou ante o Supremo no seu recurso que o delito de corrupción de menores debía ficar absorbido polo delito de abuso sexual, que o de elaboración de material pornográfico debía apreciarse en concurso medial co abuso sexual, e cuestionaba a continuidade delituosa no delito de corrupción de menores.

Os feitos

Segundo os feitos probados, o condenado mantivo numerosas conversacións por WhatsApp cun menor, que entón tiña 14 anos, a quen pediu que lle enviase fotografías e vídeos íntimos de contido sexual.

A vítima accedeu á súa petición e, posteriormente, mantivo relacións sexuais con el a cambio de diñeiro.