SOCIAL

O Sergas propón ampliar as consultas á tarde nos hospitais para evitar concentracións coa COVID-19

Exterior do Chus en Compostela (Arxina).
Apostan por ampliar a actividade nos hospitais ao horario de tarde para que as consultas coas médicas especialistas que adoitan a producirse só polas mañás, como "prevención" pola pandemia da COVID-19 e co obxectivo de evitar as aglomeracións, pasen a ser tamén polas tardes. 

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) propón nun borrador dunha instrución para todas as áreas sanitarias da Galiza que a actividade nos hospitais se amplíe ao horario de tarde, é dicir, que haxa unha "reprogramación" das consultas coas médicas especialistas que adoitan a producirse só polas mañás, como "prevención" pola pandemia da COVID-19 e co obxectivo de evitar as aglomeracións das pacientes. 

Este borrador, ao que tivo acceso Nós Diario, recolle que "a actual situación de crise sanitaria está a ratificar, na práctica, a gran relevancia preventiva das medidas de distanciamento social ou físico nos lugares públicos e nos centros de traballo, de tal maneira que a concentración de persoas nos espazos comúns dos edificios implica un incremento do risco de contaxio". 

Baixo esta premisa, o Sergas aposta por "fomentar as modalidades de atención non presencial e o teletraballo" e por "reformular" a organización vixente, que "centraliza a actividade e a recepción de usuarias nun tramo horario concreto (o de mañá)"; así como por "impulsar unha nova programación funcional que fomente o incremento da actividade ordinaria no horario de tarde" nos centros sanitarios.

Consultas de 15 a 22 horas

Así, o Sergas quere optimizar os hospitais entre as 15 e as 22 horas baixo o apelativo dunha "reformulación funcional preventiva" para todas as áreas sanitarias do país. 

No borrador, que está a ser estudado polos sindicatos, non hai referencias a que o Sergas vaia contratar a máis profesionais sanitarias para esta "reformulación". Porén, da redacción do texto despréndese que será o persoal xa contratado o que pasará a traballar tamén de tarde

Segundo o borrador, "os criterios para determinar o persoal afectado por esta reprogramación da actividade" serán fixados coa participación das "xuntas de persoal" e das "comisións de centro" de cada área sanitaria.

"Cando se trate de persoal que teña prestado servizos no mesmo día en horario de mañá", concede o Sergas, "procurarase que a prestación se realize nas horas inmediatamente seguintes" á súa xornada habitual.

Non perder dereitos

Nunha análise inicial, as representantes sindicais consultadas por Nós Diario avisan de que non cederán nos "dereitos consolidados" das profesionais sanitarias e salientan que esas "ampliacións de xornada" que propón o Sergas poden levarse a cabo de formas que non perxudiquen o descanso das profesionais, así como as súas condicións laborais. Detalles esenciais que terán que tratar co Sergas antes de que se aprobe esta instrución. 

Co sistema actual, os hospitais traballan ao 100% sempre en horario de mañá, cando se concentran as consultas. Isto permite perpetuar a dinámica de derivar consultas á sanidade privada en horario de tarde, así como que profesionais que traballan na sanidade pública de mañá, pasen consulta na privada de tarde.