Sen cambios no reinicio da Atención Primaria

A Atención Primaria reclama o acceso á indicación de probas diagnósticas, non só á solicitude (Europa Press).
Profesionais da saúde familiar e comunitaria piden estratexias concretas, máis precisas para afrontar a reactivación da Atención Primaria, que exixe protocolos e tempos específicos para as pacientes de COVID-19, máis tamén para as doentes con patoloxías comúns.

O Sergas difundiu esta semana o Plan de reactivación asistencial en Atención Primaria en relación coa infección polo virus SARS-CoV-2, un documento que pretende regular "unha saída graduada e ordenada do confinamento, para tratar de retomar as actividades previas a esta situación".

Segundo recolle a proposta do Servizo Galego de Saúde, a Atención Primaria xogará un papel chave, orientado á detección precoz de casos, ao seu manexo e seguimento.

"É momento de compatibilizar os circuítos existentes de atención ás pacientes con sospeita ou confirmación de COVID-19 co reinicio das actividades asistenciais anteriores ao inicio da pandemia", sinala o plan. E para iso, o Sergas estabelece catro fases diferenciadas a partir do 4 de maio. A última comezaría o 15 de xuño.

Sen máis dotación

A reactivación asistencial será progresiva, mais verase condicionada pola situación epidemiolóxica e a capacidade asistencial. "Estamos no de sempre, acórdanse de nós para dicirnos o que temos que facer pero sen maior dotación material nin de persoal", censura Jesús Sueiro, voceiro da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria.

"Nós fomos os primeiros en reclamar o noso protagonismo na crise do coronavirus e por iso botamos en falta protocolos e plans de continxencia máis rigorosos. Unha folla de ruta que nos mostre non só como localizar novos casos, senón os seus contactos, como levar a cabo o seu seguimento e acceder de fórma áxil a probas diagnósticas para todos os casos sospeitosos".

O texto é pouco preciso, neste sentido. Recolle o compromiso de promover a detección precoz, de incrementar a realización de probas e mesmo de "potenciar a capacidade resolutiva das profesionais de atención primaria en relación coa solicitude de probas de detección", mais non sinala con que mecanismos.

Doentes crónicos

Desde a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria tamén botan en falta maior concreción "no que deben ser as principais medidas de prevención", co fin de garantir "a maior homoxeneidade e equidade en todo o territorio galego".

Para Álvaro Carrera, enfermeiro especialista e presidente do colectivo, "o plan de reactivación non vén acompañado dunha estratexia específica para o control de novos brotes e segundas vagas". "Pedimos acceso á indicación de probas diagnósticas para todos os pacientes que sexan casos e contactos, así como o cribado sistemático nas profesionais sanitarias e demais grupos profesionais de risco".

Vai haber unha escalada de pacientes crónicos descompensados.

Ademais, demandan medidas orzamentarias específicas para o reforzo e dotación de persoal. "Non só imos ter que afrontar os problemas de saúde que xa viñamos atendendo, virán outros derivados de posíbeis descompensacións, actividades en lista de espera e todos os que xurdan arredor da COVID-19", recalca Carrera. "Vai haber unha escalada de pacientes crónicos descompensados", engade Sueiro. "Diabéticas co azucre polas nubes, broncópatas, cardiópatas que non están ben, sufrimento psíquico".

Segundo afirman a Nós Diario, co plan actual, pérdese a oportunidade de introducir melloras na  xestión da Atención Primaria.

Negociación

A CIG-Saúde rexeita que Sanidade pretenda reactivar a Atención Primaria "mantendo a deficiente organización previa á crise".

Pide negociar con urxencia un Plan de ordenación de recursos humanos para identificar as necesidades de persoal de todas as categorías e dotar o servizo con prazas estábeis, ademais de destinar un orzamento propio e crear unha xerencia de Atención Primaria específica.