O Goberno español tarda 2 minutos en prohibir a protesta contra a estatua a Fraga

Estaba convocada para este sábado pola vía de urxencia, xa que o Concello de Cambados ten encargada a fabricación da peza sen debater en pleno a posibilidade de homenaxear ao ex ministro de Franco. O prezo roldará os 30.000€, e o propio PP cambadés recoñece que non ten os cartos

A Subdelegación do Goberno español en Pontevedra non permitiu a realización da protesta contra a disposición do Concello de Cambados de erguer unha estatua na honra de Manuel Fraga. O colectivo Cambados.tk solicitou a autorización esta segunda, cando xa se cumpriran os dez días de antelación mínima, mais alegaron razóns para convocar pola vía de urxencia, caso no que pode solicitarse só un día antes.

Así, no escrito presentado lembrouse o feito de que o Goberno cambadés --PP-- encargase xa a fabricación da peza, que custará entre 15.000 e 30.000 euros --Cambados.tk baralla que o prezo roldará os 28.000€, prezo da anterior escultura feita no mesmo material e polo mesmo escultor--, sen debater a súa colocación no pleno municipal. Alén disto, haberá que acometer unha modificiación nos orzamentos para pagar a estatua, pois o propio rexedor recoñeceu que o Concello non ten os cartos.

"Recollemos o malestar de parte do pobo de Cambados, que quere manifestar o seu rexeitamento canto antes", para evitar que a homenaxe ao ex ministro da ditadura siga adiante. O colectivo convocante conta co apoio das xuventudes do PSOE, o BNG, o Encontro Irmandiño e a Asemblea Nacionalista do Salnés. Á petición de autorización, a Subdelegación respostou cunha negativa, alegando a presentación do escrito fóra de prazo. Desde Cambados.tk entenden que o que está a facer o Goberno español é "prohibir o noso dereito á protesta pública" nun lugar onde a manifestación non provocaría problemas no tráfico nin na deambulación das persoas.

O escrito de entrada no rexistro data do 4/6/2012 ás 10:53h; o de saída emitiuse o 4/6/2012 ás 10:55h. A Subdelegación tomou dous minutos para negar os permisos, asinar a resposta e colocarlle un selo. "Sen tempo físico para recorrer", Cambados.tk desconvocou a protesta, que estaba marcada para as oito e media do serán do sábado, día 9, diante da Casa do Concello. "Non podemos permitirnos o luxo de afrontar unha sanción económica, mais non nos responsabilizamos de que a cidadanía queira mobilizarse igualmente", explicaron, remitindo a notificación á Subdelegación para informar de que a manifestación "oficialmente" non se realizará. "Tantos anos despois, o 'la calle es mía' do propio Fraga segue a ter vixencia".