O PP de Cambados quere erguer unha estatua a Fraga como ''o gran valedor do Albariño''

O colectivo Cambados.tk convocou unha mobilización para informar de que a escultura xa foi encargada sen debater a proposta en pleno, e que o argumento do viño procura ''ocultar o que foi Fraga en realidade''. A protesta xa foi secundada polo PSOE, o BNG e o EI

O PP de Cambados, co rexedor Luis Aragunde á cabeza, vén de decidir que cómpre homenaxear a Manuel Fraga erguéndolle unha estatua que custará entre 15.000 e 30.000 euros. O consistorio non ten os cartos, polo que pedirá axudas a outras administracións. Todo semella ben atado, a pesares de que a iniciativa d@s conservador@s non pasou aínda polo pleno.

Aínda así, Arangude non se mostra disposto a renunciar á escultura, argumentando que o municipio debe ao ex ministro de Franco "polo menos unha pequena homenaxe" para agradecerlle o "impulso enorme" que seica lle deu ao sector do viño, "beneficiando a miles de familias". E é que di Aragunde que "Fraga foi o gran valedor da Festa do Albariño" e é esa a faciana do político de Vilalba que quere destacar, agochando nun caixón o pasado franquista.

Destapar ''un asunto silenciado''
A explicación do rexedor non callou nin nos grupos da oposición nin na cidadanía. Unha convocatoria difundida nas redes sociais e feita polo colectivo Cambados.tk --que leva sete anos como azoute social dun Goberno municipal ocupado polo PP desde hai máis de 20-- foi secundada xa polas xuventudes do PSOE, polo BNG e polo Encontro Irmandiño.

"Este asunto está silenciado, tanto que nin sequera se debateu no pleno, onde está representada a soberanía cambadesa", sinala Óscar Pardo-Planas, membro de Cambados.tk, quen asegura que pese a que o Concello puxo o prezo da estatua nun intervalo moi amplo, o mesmo escultor, Lucas Míguez, fixo a principios do ano pasado --cadrando cos 50 anos do seu pasamento-- unha figura en bronce de Francisco Asorey "que custou 28.000 euros".

Rexeitamento social, ministro franquista e crise
Para informar deste punto e da maquillaxe que entenden que Aragunde pretende botar "sobre o que Fraga foi en realidade", o sábado haberá unha acción na rúa que rematará diante do Concello. "O xeito de premiar @s polític@s é gañando unhas eleccións, e este foi ministro dunha ditadura", continúa Pardo-Planas. Son tres os puntos fundamentais sobre os que xirará a protesta: a falta de consenso no municipio en torno á figura do homenaxeado, escollido de maneira unilateral polo PP nunha decisión "contra a que estamos unha parte de Cambados, non sei se maioritaria ou minoritaria, mais importante en todo caso"; a traxectoria política de Manuel Fraga, que levou o ministerio de Turismo no franquismo, fundou Alianza Popular --semente do PP-- e presidiu Xunta da Galiza durante 16 anos.

O terceiro dos argumentos é o comodín da crise: "veña da administración que veña o diñeiro, saíu do peto de tod@s nós, mentres o Concello sobe as taxas municipais e segue a facer recortes nos dereitos sociais". Por todo isto, Cambados.tk chama @s cambades@s a se mobilizaren para impedir que saia adiante a idea dunha estatua de Fraga "pagada cos nosos cartos e colocada en solo público".

Dase a casualidade de que no franquismo lle foi concedida unha rúa en Cambados, cuxa placa retirou o primeiro alcalde da democracia, Xoán Antonio Pillado Silvoso, quen gobernou o municipio entre 1979 e 1987 ao gañar os comicios Unidade Galega. Agora, cunha Lei de Memoria en vixencia que procura acabar con calquera homenaxe á ditadura, o PP barallou a posibilidade de dedicarlle a Fraga outra rúa. Ao final decantáronse pola estatua.