O Goberno español encheu con 350.000€ os petos da empresa canadense que quere o ouro de Corcoesto

Entrada á vella mina de Corcoesto [Imaxe: Maia]
O plan de explotación a ceo aberto avanza coa conivencia dos gobernos do PP en Madrid e na Xunta, pois desde a consellaría de Industria aceleráronse os prazos e os permisos de actividade ao consideralo 'proxecto estratéxico'


O proxecto para unha mina de ouro a ceo aberto que a empresa canadense Edgewater pretende explotar no lugar de Corcoesto, en Cabana de Bergantiños, segue a avanzar coa conivencia dos gobernos do PP na Xunta e en Madrid, malia a oposición veciñal e dos movementos ecoloxistas.

Após a consellaría de Medio Ambiente outorgalle unha declaración de impacto favorábel e a consellaría de Industria outorgarlle a consideración de 'proxecto industrial estratéxico' para acelerar prazos e permisos, o Boletín oficial do Estado vén de revelar que tamén o Goberno español contribúe á destrución dunha supercifie equivalente a 700 campos de fútbol a cambio duns cantos postos de traballo en precario e da explotación dunha riqueza da que na Galiza quedarán unicamente as faragullas.

O 14 de marzo de 2013 o BOE daba conta da última subvención con que o ministerio de Industria, Enerxía e Turismo encheu os petos de Mineira de Corcoesto, a marca con que opera no País a multinacional canadense, empresa líder mundial no negocio mineiro. O montante, 150.000 euros, foi aprobado en 2012 e vén sumarse ao desembolso de 200.000 euros cuxa concesión recolleu o BOE o 22 de marzo de 2012 desta volta a Río Narcea Gold Mines, tamén filial da mineira canadense que viña de executar un proxecto de similares características en Asturies.

Os "privilexios" do capital estranxeiro

Ningunha empresa do sector fincada na Galiza --pizarreiras, graniteiras e proxectos de extracción de wolframio-- recibiu do Executivo español máis de 14.000 euros. Namentres Edgewater continúa organizando charlas para explicar a súa visión do proxecto mineira, tamén os colectivos veciñais e ecoloxistas se moven para amosar datos como os que manexa a Sociedade galega de historia natural: a antiga mina de ouro que había nesta mesma zona de Bergantiños fixo duplicar a cantidade de arsénico presente nas augas do río Anllóns, até chegar á metade do límite aceptábel para o consumo das persoas. E isto sen usar cianuro nin ser unha explotación a ceo aberto.

Diante desta situación, a plataforma Salvemos Cabana, constituída nos últimos meses tamén para lle plantar cara ao proxecto mineiro, considera "urxente e necesario" mudar unhas leis "preconstitucionais" que datan de 1973 --Lei de Minas-- e de 1977 --Lei de fomento da minaría-- e non entenden como o Estado outorga "semellantes privilexios" a unha empresa de capital estranxeiro "para un proxecto inviábel" nun momento en que a crise capitalista se emprega como escusa "para pechar centros de saúde" ou para "afogar a educación pública".