(Mal)vender o noso monte: a fenda aberta da minaría

Faixa á entrada do lugar de Corcoesto, no concello de Cabana [Maia]
Vale máis unha terra con árbores nos montes, que un estado con ouro nos bancos. Palabras de Castelao que non acaban de callar na Galiza de hoxe. O rural en que el viviu está morto agora e tratarmos de o resucitar semella unha idea trasnoitada. O verde é a cor do politicamente correcto. Os brazos de Morfeo rodéannos entrementres ouvimos discursos xa gastados onde nos repiten que non podemos renunciar ao progreso. Mais, que é o progreso?


Após os lumes que reduciron a cinzas boa parte das Fragas do Eume, en Ferrolterra, saltou a alarma ao redor dunha mina a ceo aberto que a empresa Picobello Andalucita S.L. pretendía explotar a escasos 50 metros do parque natural —a distancia mínima—, secando as fontes do río Belelle, das cales bebe tamén o Eume.

Mais as intencións da multinacional, con capital anglosudafricano, non eran novas. Coa promesa de dar emprego a 33 persoas en doce anos, o último goberno de Manuel Fraga deu unha palmada nas costas a un proxecto que prometía tamén arrasar con até 278.000 metros cadrados de terreo no parque máis singular da Europa atlántica. O bipartito parou os pés á empresa en 2006, ao comprobar que invadía espazos protexidos. En marzo de 2009 o presidente da firma manifestou a súa confianza en que "o novo presidente" outorgase os permisos dunha vez porque "os investidores estaban cansando de agardar".

Seis meses despois, Feijóo abriu a veda. Mais non o fixo só para arrincar das Fragas a andalucita —un mineral moi apreciado na construción—. Coa lei mineira aprobada en 2008 aínda sen desenvolver —e que por certo foi a primeira desde 1973—, a lexislación galega é un brinde ao sol para o capital estranxeiro.

Proxectos con cheiro neocolonial inzan os montes do país, e quen ampara eses proxectos vén sempre coa mesma leria: hai que combater o desemprego e hai que frear o despoboamento do rural. Namentres nós buscamos a letra pequena, eles furan a terra unha e outra vez na procura de minerais cuxo prezo se multiplicou de xeito exponencial en tempos de crise. Hai que gañar o pan, din nas xuntanzas coa veciñanza. Falan de si propios. Dese pan non quedarán na Galiza máis que as faragullas.
 

  • Debaixo da bota do capital

"Estou convencido de que hai nos montes máis buscadores dos que vemos". Xoán Doldán é profesor de economía aplicada. Ao conversar con el vemos a outra cara da economía, a que recupera a orixe etimolóxica deste termo e que se refire á correcta xestión da riqueza da casa. Di Doldán que as estatísticas dos anos '90 colocaban o noso país como a primeira potencia mineira do estado, aínda que a extracción de carbón se vinculase á enerxía e ao ver unha canteira non se pensase en minaría.

Somos logo de casa rica. Grandes multinacionais pasean polos nosos montes na procura de xacementos abandonados para os faceren rendíbeis outra vez, ou daqueloutros que foron localizados noutrora e ficaron sen explotar. Que fai a Xunta? Esquece que neste país as avoas e os avós movían os marcos cara á leira veciña para teren un bocadiño máis de terra e colócase diante, evitando que toxos e silvas prendan nas roupas dos buscadores de fóra. Tamén nós andamos o monte. Dúas multinacionais queren os minerais que amasou a terra de Corcoesto e Presqueiras, dúas parroquias situadas, respectivamente, nos concellos de Cabana de Bergantiños e Forcarei. Sentamos c@s veciñ@s para falarmos do suposto progreso e das presuntas bondades que a minaría trae canda ela.
 

  • Un antídoto contra o desemprego?

Despois de nos mergullarmos en varios proxectos pensados para a Galiza, confirmamos co profesor Doldán que "a maneira en que as empresas buscan convencer é a mesma sempre, presentando os elementos que apoian os beneficios desa actividade, datos parciais". O que lles sobra. Así, a idea da canadense Edgewater é destruír máis de 700 campos de fútbol —770 hectáreas, para sermos exact@s— nos municipios de Cabana, Ponteceso e Coristanco, a cambio de dar emprego a 271 persoas en oito anos. Mais nada disto significa crear 271 postos de traballo. Nin manter eses empregos de maneira continuada. Tampouco contratar man de obra local.

"Non haberá máis de 20 empregos para xente da comarca", apunta Fernando Souto. Fai parte da Plataforma pola defensa de Corcoesto. Con el e máis con Francisco García visitamos as terras que amasaron o ouro que queren os canadenses. Após trocaren o nome por outro máis 'local', Minera de Corcoesto, a empresa falou á veciñanza da creación de 271 postos de traballo, mais non informaron de que 133 deles serían subcontratacións e que, restando aqueles ocupados por profesionais especializados que veñen 'de serie', quedan para creación directa as prazas dunha persoa para administración, cinco persoas para almacén e tres para limpeza, a tenor da información que a plataforma tirou do propio proxecto. Antes de se expor publicamente, botou un ano acumulando pó nalgún andel de San Caetano, mentres a mineira facía sondaxes nas leiras, co permiso d@s propietari@s. "O maior erro que cometemos foi deixalos entrar, porque agora xa non hai quen os bote".

Nesta parroquia son as mulleres quen falan. Xuntas na mesma casa, sentan arredor dunha mesa e, desde o anonimato, séntense culpábeis por se fiaren dos cantos de serea. A mineira contratou xente do lugar para as sondaxes —nove postos de traballo por uns meses—. E pagou por cada furado feito. Nas contas desta parroquia meteu 400€ por cata, 500 onde souberon negociar mellor; 300 pagaron nas parroquias lindeiras; e a 1.000 cobráronas as persoas afectadas nunha explotación aurífera que Edgewater tiña en Asturias, rebautizada como Río Narcea-Gold Mines.

  • Rachar cos lazos sociais

Os rumores de prezos distintos saíron da boca da propia empresa. A cohesión social que seica crean estes proxectos é xustamente o primeiro que destrúen. As ansias de loita só se amansan sementando a desconfianza nun núcleo de poboación que chega a 300 habitantes botando xenerosas contas e onde, en tempos non moi afastados, o traballo desas mesmas terras agora ermas ataba fortemente os lazos da comunidade.

"Non hai traballo para nós porque aquí non hai mozos preparados. E aínda que os houbese, traballar oito anos non pode compensar nunca destruír unha parroquia enteira. Comemos disto, vivimos disto, quítannos todo o que temos". As veciñas contan cos dedos as explotacións gandeiras que hai no lugar. Case non lles chegan as dúas mans. "Son granxas pequenas, mais viven delas. Ganas de mina non as ten ninguén, aínda que non todos damos a cara".

Aseguran que, aínda que nun primeiro momento "todos, e eu a primeira" viron con bos ollos as sondaxes "para investigar" e retiraron as cancelas dos seus montes, a día de hoxe "ninguén" quere a mina a ceo aberto, para alén dos nove traballadores que, de momento, seguen contratados, soportando quendas de até doce horas desde a segunda feira até o sábado. Son todos homes. A minaría rara vez emprega mulleres.
 

  • Un proxecto viábel... para quen?

En Corcoesto buscan ouro. En Forcarei andan á procura de estaño, tántalo, niobio e litio. No resto do proxecto —que polo de agora conta con autorización só para facer prospeccións—, os elementos repítense: capital canadense que desta volta opera baixo o nome da filial española Solid Mines, dúas multinacionais que cotizan en bolsa e que queren da Galiza os seus minerais estratéxicos. O profesor Doldán lembra a importancia do ouro que, para alén do uso industrial, ten valor de acumulación, nomeadamente nuns tempos en que está riba da mesa a posibilidade de trocar o sistema monetario cara a outro máis próximo ao patrón ouro.

Pola súa banda, Bruxelas redactou en 2010 unha listaxe de substancias cuxo abastecemento non está garantido xa. No catálogo aparece o volframio, testemuña das historias mineiras da Galiza do franquismo e cuxos xacementos, agora adormecidos, espertan en proxectos estranxeiros para lugares como Santa Comba ou A Gudiña. A listaxe recolle tamén as terras raras, un grupo de 17 minerais que o monte amasou en proporcións moi escasas. Preocúpase finalmente pola escaseza de tantalio, un metal que tod@s levamos enriba, na batería dos teléfonos móbiles: asociado co niobio ou o columbio chámase coltán e é o responsábel das guerras máis crueis que se libran en Etiopía ou no Congo.

Pois ben, en Forcarei hai niobio e hai tantalio. E aínda que desde Presqueiras insisten en que non hai proxecto de explotación pensado, existen documentos de texto e audiovisuais que poden consultarse en internet e que foron elaborados pola propia Solid Mines para captar financiamento, que falan xa de minaría a ceo aberto, de terras en propiedade, da facilidade de atopar man de obra na Galiza, unha "provincia del noroeste de España" onde a taxa de desemprego é elevada. Segundo informacións facilitadas pola empresa á prensa, o número de empregos creados sería de 200, medio cento deles directos. Nada se di do tempo que duraría a actividade, mais si se afirma que a probabilidade de explotar o xacemento é "elevada".

Seguimos comparando Corcoesto e Presqueiras, e retomamos agora o argumento da creación de emprego. Nas sondaxes desta parroquia de Forcarei hai dez homes traballando tamén. "Contratan unhas cantas persoas e póñennos o caramelo nos beizos", explica Xoán Doldán. "É incríbel ouvir despois como a empresa non dá ningún tipo de información á veciñanza, mais os que traballan nas sondaxes reproducen os seus argumentos", insiste. O economista ten claro que as verdadeiras intencións das multinacionais aparecen nos matices que non contan. "Nunca se di en que consistirán eses traballos, ou canto durarán" até que o proxecto non sae a exposición pública. Polo xeral, trátase de traballo especializado, pois a minaría a día de hoxe non é unha actividade de pico e pa, "e para eles cada contrato é un posto de traballo". Que quere dicir isto? Pois que se unha mesma persoa asina catro contratos dun mes de duración serían catro postos de traballo creados. Por suposto, se non hai man de obra local especializada, esta viría de fóra.
 

  • A nosa terra, a prezo de saldo

"De momento é só un proxecto de investigación. Que mañá chega a fase de explotación? Pois todas as actividades xeran un impacto, mais son necesarias, e nós imos exixir moito no tema ambiental, e que a riqueza quede na vila". Convencidos de que, chegado o momento, a súa presión vai facer que "o estado" mude a lexislación cara a outra máis restritiva que evite que Presqueiras acabe reducida a terra estéril, cos ríos, as fontes e os regatos pequenos contaminados, o presidente e o secretario da Comunidade de montes veciñais en mancomún, Roberto Jorge e Andrés Rodríguez, insisten unha e outra vez na necesidade de frear o despoboamento do rural e de atraer investimentos.

"Eu entendo as súas razóns: ven un monte que non dá nada, que agora mesmo é unha toxeira". Calros Solla vive do outro lado do Seixo, que fai parte da Rede natura e que se vería afectado se Solid Mines pasa á fase de explotación. Alerta da falta de información "total" que impera entre a veciñanza de Presqueiras, e di que "foron con medo" para reclamaren máis diñeiro por cada cata despois de veren un vídeo en que, en perfecto inglés, a empresa chama os cartos para un proxecto a ceo aberto.

"Falo de memoria. Penso que cobraban 100€ e multiplicáronlles o prezo por cinco sen pór trabas? Ten que ser moi viábel esa iniciativa..." Solla pregunta por uns informes de impacto ambiental e arqueolóxico previos ás sondaxes que "non se fixeron, que se saiba", pese a que no monte zumba xa o ruído da maquinaria pesada. "Non gostamos daquel vídeo", afirma Jorge, aínda que comenta tamén que non chegou a velo enteiro. Cando foi na procura de explicacións á empresa dixéronlle que nada estaba pechado e que o que alí se contaba era "unha idea xeral". Quedou tranquilo.

"Até o de agora levamos unha negociación perfecta", comenta o presidente da comunidade de montes, e recoñece que non é a primeira vez que o capital estranxeiro lle bota o ollo ás riquezas minerais de Forcarei. Os buscadores van de visita de cando en vez, deixando pasar anos polo medio. Solid Mines fixo sondaxes en 2003 e en 2005. Outra reminiscencia de Corcoesto, onde levaban "uns quince anos" facendo furados polo monte adiante.

"Unha explotación a ceo aberto vai atopar co noso rexeitamento frontal", apunta, taxativo, Roberto Jorge. Mais como de momento a empresa aínda non debullou a folla de ruta que ten na cabeza "hai que ver aquí unha oportunidade para frear o despoboamento". Insiste en que pedirán que o ciclo completo de transformación dos minerais se faga en Forcarei, e nas restricións ambientais que exixirán. Mais argumenta que non é o de Presqueiras un espazo que cumpra protexer, pois nos '50 houbo alí unha mina de volframio: "miña nai traballou naquela mina. Aquí tradición mineira hai moita". Máis unha vez, Corcoesto vén á cabeza coas historias que contan as mulleres. Lembran as súas nais levando "o bocadillo" ao home, que buscaba ouro alá polos anos '30, andando do dereito e do revés os corredores dunhas galerías hoxe fechadas con cadeado.
 

  • A minaría frea o despoboamento?

Cando cesa a actividade, a crise de emprego que queda é moito maior que a que había, e ollando cara a localidades mineiras de Asturias o grao de despoboamento é moito máis elevado que o existente hoxe nun concello da Costa da Morte. A desaparición da actividade acelera o despoboamento. Na literatura económica fálase de localidades pantasma". É a resposta do profesor Doldán ao segundo argumento máis empregado despois da creación de emprego. "Hai aparencia de normalidade uns anos, si, mais o que se destrúen son formas de vida que é imposíbel recuperar", para alén da perda de valor patrimonial das vivendas: "ninguén merca unha casa con vistas a unha mina ou a un vertedoiro de residuos". En Corcoesto as vivendas están a 70m do lugar onde cavarán un buraco de 400m de fondo, segundo o plano da empresa.

Da comunidade de montes desta parroquia fan parte ao redor de cen persoas, e fica en contacto con aqueloutras afincadas nos dous concellos aos que tamén afectaría a actividade de Solid Mines: Avión e Beariz. Presidente e secretario falan de "tranquilidade" e dunha intención consensuada de tirar desta fase de prospeccións o maior proveito posíbel. Lola Varela, presidenta da asociación ecoloxista Verbo Xido, ten outra idea. "Hai unha certa alarma social creada porque o monte está furado por todos os sitios", aínda que recoñece que o pasado mineiro do lugar xoga a favor da empresa. "A xente razoa que é traballo, son cartos", entende Varela.

Firme defensor do decrecentismo, Xoán Doldán remarca que non hai que darlle voltas aos proxectos mineiros na procura dun beneficio para a poboación que os sofre, senón "simplemente cuestionar se o noso xeito de organización económica a nivel global e local debería basearse en recursos naturais que non son renovábeis". Á volta duns anos nin en Corcoesto nin en Presqueiras haberá monte. Só unha ferida aberta que non deixará de latexar.


NOTA: esta información foi publicada inicialmente no semanario nº9 do Sermos, correspondente á semana do 3 de agosto de 2012