O Goberno español confirma que inmigrantes en situación irregular pagarán a atención sanitaria

Desde o Foro Galego de Inmigración ven a medida como máis unha tentativa de maquillar a realidade: que un dos colectivos máis vulnerábeis, que na Galiza supón ao redor de 15.000 persoas, ficará excluída do sistema sanitario normalizado

As persoas inmigrantes que requiran atención sanitaria no estado non ficarán sen ela, mais terán que a pagar. É o novo marco legal que regula o dereito a estar asegurad@ e ser beneficiari@ da sanidade "non é unha cuestión de axuste económico". Di o Goberno español que o que busca é "acatar o regulamento europeo" e garantir o principio de reciprocidade en relación ao tratamento que unha persoa do estado recibe cando viaxa a outros lugares.

Expresouse nestes termos a ministra de Sanidade, Ana Mato, após unha reunión con conselleir@s do ramo de nove territorios, entre os que estaba Galiza, nun encontro coa prensa en que defendeu o RD 16/2012 como "un paso cara a universalidade". Desde o Foro Galego de Inmigración xa tiñan claro que "non é austeridade, é racismo", tal e como colocaron no lema dunha protesta realizada aló por maio.

Con todo, após coñeceren as medidas recentemente anunciadas por Mato, conforme as persoas inmigrantes en situación irregular terán que pagar polo dereito á saúde, o colectivo lembra que xa estas persoas na Galiza estaban especialmente castigadas co decreto de setembro do ano pasado, que fixa 183 días de empadroamento obrigatorios para quen queira dispor dun cartón sanitario, cunha excepción --menores de idade e mulleres grávidas-- que o Sergas non está a respectar.

A nova póliza, "moi gravosa economicamente", é valorada polo FGI como "unha nova ocorrencia para tratar de disimular a terríbel decisión que supón deixar fóra do sistema sanitario" a inmigrantes en situación de irregularidade administrativa. Aseguran que o que pretende Mato "non é posíbel a nivel práctico" porque estas persoas non poderán afrontar tales custos, "non é aceptábel a nivel ético" porque deixa fóra do sistema un dos colectivos máis vulnerábeis --as últimas cifras falan de ao redor de 15.000 persoas na Galiza--, e colocaría máis unha limitación: a de xustificar necesariamente un ano de empadroamento como requisito.