Chamada á desobediencia polo dereito á saúde da poboación inmigrante

O 1 de setembro entra en vigor o RD 16/2012, que deixará fóra do sistema sanitario as persoas en situación irregular. Na Galiza son ao redor de 8 mil. Para alén deste ataque a un dereito fundamental, SOS sanidade pública reclama que o novo hospital de Vigo volva á xestión pública e o BNG alerta do aumento nas listaxes de espera na cidade olívica

A sanidade pública pasa fame. Este sábado, 1 de setembo, entra en vigor un novo modelo que poda a asistencia sanitaria das persoas que pasan dos 26 anos e non contribuíron nunca ás arcas da Seguridade Social, condicionando a cobertura dunha necesidade básica á obriga de estarmos asegurad@s. Á marxe fican tamén as persoas inmigrantes que non teñan regularizada a súa situación, ao redor de 8 mil na Galiza.

A poboación inmigrante, que no país representa ao redor do 3% --111.600 persoas, perto de 30 mil chegadas desde Portugal-- estaban xa especialmente castigadas co decreto galego de setembro de 2011, que contempla a exixencia de 183 días de empadroamento para as persoas que queiran dispor de cartón sanitario, a excepción das mulleres grávidas e d@s menores. Segundo denunciaron o Foro galego de inmigración, Médicos do Mundo e a Asociación sen papeis a finais de maio, o Sergas estaba a vulnerar mesmo as excepcións, negando a atención sanitaria a grávidas, menores e prostitutas.

Con todo, o decreto español remexe na ferida, ao traer da man a expulsión do sistema sanitario das persoas inmigrantes en situación irregular: 20 mil na Galiza e 150 mil no estado. O eco da chamada á desobediencia civil en contra do racismo institucional ditado desde Madrid e amparado pola Xunta resoou en colectivos sociais e organizacións sindicais. Desde SOS sanidade pública --colectivo do que fan parte, entre outras, BNG, PSOE, CIG, CC.OO., UGT, ou Confederación de asociacións veciñais-- até Médicos do Mundo pasando polo Foro galego de inmigración, a CUT, Amnistía Internacional ou a Rede Acolle, a chuvia de mobilizacións para exixir que Xunta e Sergas se rebelen e non acaten o disposto desde Madrid non escampa.

As últimas chamadas ao boicot chegan de Médicos do Mundo e da CUT. Baixo a premisa de que "curar non é só a nosa obriga, tamén é o noso dereito", a organización non gobernamental lanzou nestes días un vídeo chamando a que @s profesionais da Medicina presten atención sanitaria con normalidade, sen excluír as persoas 'sen papeis'. Desde o sindicato secundan o chamamento, recordando que "a inseguridade xurídica e social" acada niveis de "alerta máxima" tamén nos territorios que, como Euskal Herria, anunciaron xa que non respectarán o RD 16/2012, xa que os cartóns sanitarios destas persoas ficarán anulados.

Segundo os datos que facilita o sindicato, o que baralla o goberno español é artellar un seguro "imposíbel e inasumíbel pola propia lóxica laboral do colectivo inmigrante": custará entre 710 e 1.864 euros, cantidade esta última para quen supere os 65 anos. Para menores e mulleres grávidas, até o de agora acollidas ao dereito a unha asistencia obrigatoria, prevese que paguen o 40% dos seus medicamentos.

Cadra a CUT co sinalado polo Foro galego de inmigración a respecto de que o maior problema xa non é a privación dun dereito fundamental para a poboación, senón a discriminación que agocha esta medida. "Ti podes eliminar unha prestación, e sería discutíbel, mais toda a poboación ficaría sen ela. O que non podes é deixar fóra do sistema sanitario un colectivo e, neste caso, un colectivo en situación de exclusión social". Razoa o voceiro do FGI que, a pesar de que o persoal sanitario anunciou a súa intención de se declarar obxector@s de conciencia --seguindo unha chamada da Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria--, aínda que presten atención e expidan unha receita "na farmacia tamén cómpre o cartón para retirar os medicamentos". A saída: que a Xunta se declare insubmisa.

Aumento nas listaxes de espera nos hospitais públicos
Cunha listaxe de espera de 134 días de media --a media galega está nos 80 días--, a oposición e a plataforma SOS sanidade pública reméxense contra as decisións tomadas pola Xunta ao redor do novo hospital de Vigo. Xa en abril do ano pasado, o colectivo en defensa deste dereito fundamental presentou un recurso contencioso-administrativo perante a escolla do Sergas dun modelo privatizador para a xestión desta instalación sanitaria, alegando que tería un custo "significativamente maior".

O mesmo día en que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anuncia o adianto electoral falando de que nos tres anos e medio que leva á fronte do Goberno autonómico creou emprego público na sanidade, a educación e a construción de novos hospitais, SOS sanidade pública pide a "inmediata demisión" da titular do ramo, Rocío Mosquera, "por mentir e polos graves prexuízos que o modelo de financiamento privado supuxo para a sanidade pública en Vigo".

Na mesma liña pronunciárase o PSOE após unha comparecencia de Mosquera no pleno do Parlamento. O voceiro en Sanidade da formación española explicou que "a diferenza entre público e privado reside en que a boa xestión privada procura beneficios económicos, mentres que a pública procura beneficios sociais", e criticou que Feijóo "vai españoleando e presumindo de investimentos en hospitais cando non gastou un peso", dixo, respecto do modelo de financiamento escollido para o complexo vigués.

Pola súa banda, o BNG lembrou ao mandatario galego o seu compromiso de mellorar a área sanitaria de Vigo, e exixiulle que o cumprise. A concelleira Iolanda Veloso, acompañada da deputada Carme Adán, queixáronse de que a palabra de Feijóo pasa, até o de agora, "polo traslado de pacientes aos hospitais de Pontevedra", fronte á apertura dos quirófanos e dos andares aínda fechados, para alén da dotación dos centros da cidade olívica co persoal necesario. "O PP utiliza a sanidade para facer caixa", denunciou Veloso.

Carme Adán sinalou as listaxes de espera. Tomando como referencia os datos do propio Sergas, explicou que o tempo medio para unha operación no Chuvi, sen ter en conta os datos de Povisa, é de 75,6 días. E tendo en conta os datos de Povisa sobe a 192,7 días, a máis alta de Galiza, polo tempo medio de espera na área sanitaria viguesa ascende a 134,1 días, e a media galega sitúase nos 80,3 días.

Perante a "grave situación" pola que pasa a asistencia sanitaria en Vigo, SOS sanidade pública reclama "o rescate inmediato" da concesión da obra do novo hospital e corrixir os recortes introducidos "para garantir o negocio ás concesionarias". Mais as denuncias sobre as listaxes de espera non quedan na cidade olívica. Desde A Coruña, CIG-Saúde advirte que "decenas de pacientes están amoreados" nos corredores do servizo de urxencias do Complexo hospitalario, Chuac, após a redución de 50 camas de Medicina interna no hospital Abente y Lago durante o verán.