O goberno español avala a malleira ao sindicalista Pintos e di que a protesta "era ilegal"

Os responsábeis comarcais de CIG, CC.OO., UGT e USTG
Os responsábeis comarcais de CIG, CC.OO., UGT e USTG censuran as palabras do Delegado do Goberno español na Galiza, Samuel Juárez, quen apuntou que na protesta realizada a noite en que arrincou a campaña electoral diante do hotel onde iniciaba o PP a pegada de carteis, @s manifestantes "actuaron con violencia". Negou a investigación exixida polos sindicatos, que denuncian un uso desmedido da forza por parte dos antidisturbios

 

Os responsábeis comarcais dos sindicatos CIG, CC.OO., UGT e USTG dedicáronlle ao delegado do goberno español na Galiza, Samuel Juárez, duras palabras de reproche pola análise que o conservador realizou da actuación policial desenvolvida após o acto de pegada de carteis no inicio da campaña electoral do PP en Ferrol. Xustificou Juárez a malleira que o sindicalista da CIG Xesús Anxo López Pintos denunciou tras a súa detención nunha protesta dos traballadores de Navantia e Poligal, da cal facía parte. Argumentou que tal protesta fora "ilegal" e que as persoas que se manifestaban "actuaron con violencia".

O goberno español ''avalou'' unha actuación policial "desmedida"

"A lectura que facemos é que se está a avalar a resposta da policía", censurou Manuel Grandal, responsábel da central nacionalista na cidade departamental, nunha conferencia de imprensa realizada polos catro sindicalistas despois dunha xuntanza mantida con Samuel Juárez, en que lle transladaron as súas impresións ao respecto. Sostiveron que a actuación dos axentes da policía española "foi desmedida" e reclamaron responsabilidades fronte a unhas políticas dirixidas a "reprimir e criminalizar" quen se revolva.

Porén, a resposta que recibiron do representante do goberno de Mariano Rajoy na Galiza foi unha xustificación do uso desmedido da forza empregada polos antidisturbios, "chegando a insinuar que a policía actuou así para se defender", acrecentou Grandal. Pola súa banda, o responsábel comarcal de CC.OO., Xulio Abelleira, subliñou que as explicacións de Juárez "non son suficientes" e asegurou que a actuación dos axentes, "represiva contra os traballadores", non vai condicionar as protestas futuras do movemento sindical.

O comportamento dos antidisturbios non será cuestionado en Madrid

"Se non houbese imaxes nos medios de comunicación negaríanse até os feitos", advertiu Abelleira, e os seus homólogos en USTG --Andrés Rodríguez-- e UGT --Cesáreo Fraga-- pronunciouse na mesma liña ao sinalar que "a actitude de Juárez non vai sacar a xente da rúa". Os catro sindicalistas deixaron claro que o acontecido en Ferrol non pode interpretarse como un feito illado, senón que hai que o entender "nunha estratexia global de recorte de dereitos individuais e colectivos". En tal vieiro colocaron "a teimosía" do PP por modificar o código penal español e habilitar "novos mecanismos normativos para controlar, disuadir, criminalizar e reprimir" a contestación social e o sindicalismo combativo.

Na liña, os sindicatos solicitaron que se abra unha investigación sobre os feitos denunciados por Pintos, o trato vexatorio e as torturas que segundo declarou recibiu desde o momento da detención até quedar en liberdade --con cargos-- ao día seguinte, após pasar unha noite nos calabozos. Con todo, Juárez manifestou a súa tranquilidade a respecto de que tal actuación non se lle poderá imputar á policía española, e derivou todas as aclaracións no proceso xudicial xa iniciado no xulgado de Instrución nº3 de Ferrol tras presentar a CIG unha denuncia polo trato dispensado a Pintos, que entenderon podería ser constitutivo de delito de torturas e contra a integridade moral.