O feminismo enche as rúas para visibilizar os coidados

Manifestación polo 8M en Compostela (Arxina)
As primeiras mobilización do oito de marzo ateigaron este domingo as rúas en cidades como A Coruña, Compostela, Lugo, Ourense ou Ferrol, que secundaron a convocatoria do feminismo galego, coa consigna de visibilizar o traballo de coidados que recae nas mulleres. 

En Compostela, centos de mulleres axuntaron as súas forzas xa desde a mañá para homenaxear, reivindicar e visibilizar a todas "as que tecen a vida cada día", nas actividades previas á manifestación que dará comezo ás 19.30 horas, mentres que na Coruña foron miles as que acudiron ao chamado do feminismo nunha mobilización multitudinaria entre o Obelisco e a praza de Tabacos. En Vigo, ducias de participantes representaron a acción feminista "Un violador no teu camiño".

Este Día Internacional da Muller Traballadora quere facer especial fincapé no rol coidador que historicamente desenvolven as mulleres. Por iso, baixo o lema "Sen coidados non hai vida", feministas agrupadas baixo o paraugas de Galegas 8-M  centraron os seus discursos naquelas que se fan cargo das crianzas, das maiores, das persoas dependentes e dos traballos aínda invisibilizados e non recoñecidos. 

O manifesto de Galegas 8-M, lido hai unha semana en Verín e vixente tamén nos actos deste domingo, chama a "visibilizar o que está invisibilizado" baixo o argumento de que a meirande parte do traballo de coidados realízase "sen remuneración algunha, malia que a gratuidade do seu labor aforra custes de saúde, coidado de crianzas, do fogar, das persoas con dependencia, da labranza das terras".

"O traballo de coidados debe ser o centro e motor da vida", escoitouse nas concentracións, marcadas pola maquillaxe e as prendas violeta, os símbolos feministas en alto e as pancartas con consignas que lembran que "non é non"e  que amosan a sororidade feminina contra o "machovirus".

Todo o territorio galego está marcado nesta xornada por numerosos actos conmemorativos a nivel local e comarcal impulsados desde o movemento de base, e secundado por Administracións, sindicatos e outras entidades.