Juan Gestal, médico: "É moi posíbel que ao longo do verán se produzan máis rebrotes"

O experto Juan Gestal Otero (Foto: Nós Diario)
Profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública, experto en casos de epidemioloxía.

Co foco do rebrote da Covid-19 na Mariña aínda moi activo e o debate sobre a conveniencia de que haxa eleccións nesa zona, o profesor emérito de Mediciña Preventiva e Saúde Pública, Juan Gestal, aporta a súa visión de experto a Nós Diario. O tamén director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galiza pide a poboación que sexa responsábel. Malia todo ve complexo evitar que haxa más brotes no país este verán.

Que visión ten do rebrote e da pronta expansión do mesmo na zona de Burela e arredores?

Os casos da Covid-19 nun primeiro momento aumentan lentamente, pero chegado un punto o crecemento disparase e isto é o que ocorreu na Mariña e obrigou a tomar esas medidas de confinamento para controlar o brote. Cando ante un brote ten que procederse a confinamentos ou peches de territorios é porque o número de cadeas de transmisión se incrementan moito en pouco tempo e resulta difícil localizar todas as fontes de infección -existencia de “casos cegos” sen rastrexabilidade-. Nesa situación, tralo peche, deben facerse moitos test PCR a diferentes colectivos para tratar de localizar o maior número posible de infectados e controlar o brote.

Hai certas dúbidas sobre arealización das eleccións con esta crise. É recomendábel que se suspendan ou apracen as eleccións na zona? Coida que incluso sería axeitado cancelar o proceso en toda Galiza?

 A situación epidemiolóxica da Covid-19 na Galiza é moi boa en comparación co conxunto estatal e, agás o actual brote da Mariña, no resto da comunidade está diminuíndo e, algunhas áreas sanitarias como Ferrol, Pontevedra e Ourense están xa case completamente libres de casos, só teñen dous ou tres. Non vexo, polo tanto, xustificación epidemiolóxica para suspender ou aprazar as eleccións no conxunto de Galiza. Polo que respecta a Mariña tampouco a situación a día de hoxe parece que xustifique unha suspensión nesa zona. Se nas eleccións todos cumprimos coas distancias de seguridade, uso de máscara e hixiene de mans non debe haber problema algún.

Decretáronse cinco días de confinamento cando normalmente estabamos a ver prazos de 14 días. Parécelle suficiente? 

Coido que esa data é circunstancial e a Consellería de Sanidade a sexta feira decidirá que facer de acordo coa evolución dos casos.

Os comicios, serán foco de máis rebrotes?

Non vexo os comicios como un foco de mais brotes, pois ante o temor de que iso puidera producirse o comportamento dos votantes seguro que vai ser con moitas precaucións. As medidas que se tomaron en relación cos colexios electorais son as axeitadas e coido que as persoas que van acudir están moi concienciadas.

As rapazas e rapaces están a realizares, igualmente, a selectividade. Polo que puidemos saber os estudantes de Ortigueira (os que lles tocaba examinarse en Viveiro desprazáronos a Ferrol) pero fan as probas en Viveiro os alumnos de Mondoñedo. Como experto, cre que tivera sido mellor atrasar estas probas?

Seguro que as autoridades académicas e sanitarias valoraron todos os pro e contras de celebralas ou aprazalas. Viveiro non é un concello moi afectado neste brote e en Mondoñedo parece que non houbo casos. Eu non vexo problema na realización das probas se se seguen as medidas de prevención. Por outra parte, pola idade que teñen os alumnos non xogan, polo que sabemos hoxe, un papel importante na difusión do virus.

Debemos agardar novos rebrotes noutras zonas da Galiza?

Si, é moi posíbel que ao longo do verán se produzan máis rebrotes, en Galiza e noutros puntos do Estado, dado que cada vez haberá maior mobilidade da poboación e chegada de máis xente de fóra. Isto facilitará que poidan producirse contactos con portadores sen síntomas, pois a pandemia non rematou e se non se seguen as medidas de prevención, como estamos a ver por parte dos mozos, é fácil que xurdan brotes que, confío, a grande alerta epidemiolóxica existente permita controlar.

Considera que se actuou con responsabilidade unha vez rematado o confinamento?

Deixamos o confinamento como touros entrando na praza, querendo facelo todo xa, como se o mundo se fora acabar. É comprensible nun primeiro momento, pero xa debemos acougar. Este verán debe ser diferente: máis ao aire libre, pois a situación epidemiolóxica o exixe, e senón nos comportamos con prudencia pode chegarnos esa segunda onda coa que nos ameazan.

Que medidas habería que tomar para reducir os riscos e frear os rebrotes na Galiza?

Os rebrotes, ao depender moito do comportamento de todos nós, é moi difícil frealos. Mais débese seguir insistindo en comunicar que a pandemia non rematou e que todos debemos cumprir coas normas de prevención e, lamentábelmente tamén haberá que tomar medidas fronte aos incumprimentos con sancións e peches de locais. O que si debe estar sempre en alerta e debidamente preparado é o sistema sanitario para detectar precozmente calquera caso que poida presentarse e localizar en pouco tempo a fonte de infección e os contactos, para controlar os focos e impedir que se estendan.