Juan Gestal: "Debemos estar alerta e ser conscientes de que se están tomando todas as medidas"

Juan Gestal Otero
Juan Gestal, profesor Emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela apela á tranquilidade ante a evolución do coronavirus. A mellor resposta, di, está nos protocolos de prevención derivados das evidencias científicas mais na pericia das profesionais da sanidade pública.

—Está xustificada a alarma social ante o avance do coronavirus?
Debemos estar alerta e ser conscientes de que se están tomando todas as medidas necesarias neste momento epidemiolóxico da COVID-19, a enfermidade que provoca o coronavirus. Aínda se está a tempo de frear o seu avance. Sen dúbida, a afectación de Italia fainos sentir o problema máis perto. Isto, xunto a gran cantidade de información que nos chega, pode xerar alarma. Mais tamén a adopción de "medidas de prevención sen base científica" que non resolven nada. Hai uns días, o director xeral da Organización Mundial da Saúde dicía que ademais da ameaza de epidemia do virus SARS-CoV-2 estamos sufrindo unha "infoepidemia" que orixina unha serie de condutas irracionais que debemos evitar. O que hai que facer é seguir as indicacións das autoridades sanitarias, ter moita calma e non esquecer que a maioría dos casos, 80%, son leves.

—En Italia, ademais, deben responder aos contaxios sen saber moi ben onde está a orixe. Como se xestiona a ausencia dunha paciente cero?
Na investigación epidemiolóxica non sempre se chega a localizar o primeiro caso. Nesta epidemia, até o de agora, sempre se localizou, por iso produce certa inquedanza non dar con eles nos brotes rexistrados en Italia ou no Irán. Pode ser un indicio de que estivese comezando a producirse unha transmisión sostida dentro da comunidade, pero aínda non temos evidencias.  En calquera caso, non impediu a adopción das medidas de contención adecuadas. 80% dos casos de COVID-19 son leves e algúns mesmo non presentan síntomas. Desde o punto de vista do paciente é bo, pero supón unha dificultade para o control da enfermidade. Dada a banalidade dos síntomas, similares aos dun catarro ou dunha gripe leve, as doentes resultan máis difíciles de localizar e a difusión da enfermidade, máis difícil de conter. 

"A adopción de medidas de prevención sen base científica que non resolven nada".

—Que aprendizaxe nos deixa a experiencia destes países e a resposta da comunidade médica?
A comunidade médica debe seguir os protocolos de contención estabelecidos polas autoridades sanitarias. Tampouco estaría de máis que comezase a extremar con todos os pacientes o cumprimento das medidas de prevención recomendadas na práctica clínica, por se ao final non fose posíbel conter o SARS-CoV-2 e se acelerase unha transmisión eficiente entre a poboación. Trataríase de estender algo que xa debera ser habitual: hixiene e lavado frecuente de mans, distancia de seguridade, uso de máscaras, luvas e batas descartábeis cando sexa preciso. Neste caso, o persoal sanitario ten un risco importante de contaxio.

—O coronavirus estase comportando como era previsíbel? 
Si. Na China puxéronse en marcha medidas insólitas, como foi  a limitación de movemento de millóns de persoas. A COVID-19 é unha enfermidade de transmisión por gotas e, polo que hoxe sabemos, ao ter unha proporción moi elevada de casos leves e algúns sen clínica, a súa contención entraña unha dificultade extra, co fin de evitar unha transmisión sostida dentro da comunidade. Se ben é o que se está tratando de evitar.

"A comunidade médica debería comezar a extremar as medidas de prevención con todas as pacientes".

—Que percorrido pode ter a partir de aquí?
O desafío está en lograr dominar a enfermidade impedindo a súa difusión na comunidade. E aínda non sabemos se se acadará. Estas próximas semanas serán clave. Se se logra, problema resolto. Se non, poranse en marcha medidas de mitigación xa previstas, como as que se implantaron  en 2009 durante a pandemia de Gripe A (H1N1). Entón, xa se sabía que as medidas de contención só atrasaban a propagación da enfermidade e, de feito, non impediron a súa transmisión sostida entre a poboación.

—Como se debe observar e enfrontar esta crise desde a Galiza?
Con tranquilidade, a Galiza e o Estado español contan con magníficas profesionais de Saúde Pública, perfectamente preparadas para facerlle fronte a esta epidemia, se se dá o caso. Nos últimos anos tivemos oportunidades repetidas de prepararnos e de poñer en marcha medidas e programas de control fronte a desafíos similares ou incluso máis graves como o do SARS, o ébola ou a gripe pandémica.

—Que papel xogan a Atención Primaria e as áreas especializadas nunha epidemia coma esta?
Existe un plan de actuación amplamente difundido entre todo o persoal sanitario onde se definen as funcións de cadaquén neste momento epidemiolóxico da enfermidade, no que están en marcha as medidas de contención. Se chegase a estabelecerse a transmisión comunitaria sostida da COVID-19, entrariamos na fase de mitigación e activaríase un plan de continxencia que as áreas sanitarias xa teñen ensaiado.