O estudantado galego erguerase o 6 de febreiro contra a 'Lei da Wertgoña'

Daniel Candal e Anxo Teixeiro [SG]
Botaranse á rúa máis unha vez contra a LOMCE, a lei imposta desde Madrid que trae consigo a destrución de postos de traballo na pública, máis recursos para a privada e a posibilidade de eliminar materias porque "fomentan os nacionalismos". Din Comités e Liga que na Galiza "sobran os motivos" para se mobilizaren


Séntense "afogados" e vai haber resposta. A primeira acción avecíñase multitudinaria. Nunha rolda de imprensa conxunta, as organizacións estudantís nacionalistas Comités e Liga veñen de marcar para o día 6 de febreiro máis unha xornada de folga no ensino medio e universitario para se revolveren contra a LOMCE, a "mal chamada" lei de mellora da calidade educativa e que foi bautizada nas redes sociais como a 'lei da Wertgoña'.

A mobilización chega após outras dúas xa realizadas en xuño e outubro de 2012, e que xuntaron, respectivamente, máis de 10 mil e máis de 15 mil estudantes nas rúas da Galiza.

Os voceiros destes dous colectivos, Daniel Candal (Comités) e Anxo Teixeiro (Liga) reiteraron a súa concepción desta norma imposta desde Madrid como un "golpe de estado" contra o ensino público que fai deste "un factor de promoción da competitividade económica", dos centros educativos "empresas practicamente privadas", do estudantado "man de obra barata" e do persoal docente "peóns ao servizo dunha cadea de produción".

Por certo que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, aproveitou esta segunda feira a súa comparecencia parlamentar para presentar os Orzamentos de 2013 para deixar no tellado das universidades unha pelota quente: ou recortan os salarios do profesorado ou despiden docentes.

Menos docentes, menos servizos e máis tributos

Cómpre recordar a suba das taxas, o peche de escolas no rural, a redución de orzamentos e de persoal docente e investigador, a redución das bolsas de axuda ao estudo e o endurecemento dos requisitos para acceder a elas, o pagamento dos libros de texto, o peche do servizo de comedores escolares ou a destrución de 2.500 postos de emprego docente na lexislatura anterior; e traer ao presente declaracións do ministro Wert como aquelas en que se comparaba cun "touro bravo" que medraba co castigo ou aqueloutras en que instaba a nais e pais a descarregar da internet os libros de texto.

Por todo o anterior, Comités e Liga fan un chamamento a nais, pais e persoal docente a secundar a xornada de folga, con manifestacións que sairán pola volta das 12 da mañá dos puntos habituais en cada cidade, se ben horarios e lugares confirmaranse na vindeira semana. Haberá tamén concentracións nas comarcas e no rural, nunha convocatoria aberta "a toda a sociedade galega".

Comités e Liga asinaron un manifesto conxunto contra "o modelo reaccionario" do PP e en defensa do ensino público. "En Galiza sóbrannos os motivos para convocar unha folga", remarcou Teixeiro, sinalando que se ben en Catalunya a LOMCE tomba a inmersión lingüística no idioma propio, "aquí o inimigo xa o temos na casa". Remarcaron os dous voceiros a política de agresións continuadas emprendidas desde a Xunta de Feijóo cara á nosa lingua, e que derivaron en até seis sentencias do Tribunal Superior de Xustiza botando abaixo os piares en que asentou o decreto do plurilingüísmo.

Eliminar materias que "fomentan os nacionalismos"

Queixáronse tamén de que a LOMCE "fomenta a ignorancia", ao darlle máis peso a materias instrumentais como Lengua Castellana ou Matemáticas "porque son as que avalía o informe Pisa". Namentres, Lingua Galega fica relegada a materia de especialidade, decidindo cada centro cantas horas lle dedica, concedendo máis importancia a Relixión ao ser materia específica. 

Satisfaise así mesmo unha vella demanda da Conferencia episcopal ao introducir unha materia alternativa académica avaliábel "como efecto chamada para incrementar as matrículas", segundo explicou Daniel Candal. Para alén de todo o sinalado, con esta mesma norma e ao entender das organizacións estudantís, o que pretende o PP é vetar o acceso á universidade para @s fill@s d@s traballador@s. Por derradeiro, cómpre sinalar tamén a posibilidade de que a materia de Coñecemento do Medio desapareza do currículo educativo "porque fomenta os nacionalismos".