O PP 'españoliza' o ensino cunha LOMCE onde a relixión ten máis importancia que as linguas propias

Aula franquista [Mupega]
Unha rebaixa do 45% ao 35% da autonomía dos territorios para achegaren contidos ao currículo educativo; aulas impartidas integramente en español en centros privados que pagarán as consellarías de Educación; liberdade para que cada centro decida cantas horas lle dedica ao galego; a posibilidade de superar a ESO sen coñecer os idiomas cooficiais; e unha alternativa á relixión rescatada da reforma feita por Aznar en 2002 e que satisfai unha demanda histórica da Igrexa. Debullamos o borrador da contrarreforma educativa de Wert que sairá adiante ''con consenso ou sen el''


"Con consenso ou sen el", a Lei orgánica de mellora da calidade educativa sairá adiante. Sinalouno nestes días o ministro José Ignacio Wert, que esta terza feira presentará o seu borrador na Conferencia sectorial de educación. Os ataques do PP aos territorios con lingua propia xira ao redor dunha cuestión fulcral: a norma rípalle competencias ás consellarías, ao reducir do 45% ao 35% a porcentaxe de contidos que os respectivos gobernos poden achegar ao currículo, reservándose o executivo español para si propio o dereito a impor o 65% deses contidos. A dereita española vai máis aló, e conculca con esta normativa dereitos que a Galiza ten recoñecidos na Constitución e no Estatuto.

Pagar con diñeiro público a españolización que se impartirá na privada

Así as cousas, por primeira vez unha lei educativa especifica que os territorios, que son os que teñen competencias educativas, deberán outorgarlle á lingua propia "un trato diferenciado" respecto do español "nunha proporción razoábel", sen que "en ningún caso" tal tratamento poida supor "a exclusión do castelán".

E por se as consellarías de Educación aproveitasen a falta de concreción sobre o que para Wert son "proporcións razoábeis" para se revolveren en prol da inmersión lingüística ou dunha aposta en firme pola normalización do idioma cooficial, o ministro coloca na súa norma a posibilidade de que aquel@s nais e pais que queiran escolarizar as súas crianzas en español poderán facelo en centros privados, sendo o goberno autonómico o que se encargue de sufragar os gastos de escolarización. Dito doutro xeito, segundo explicara Wert hai dous meses, o PP manténse nas súas trece e abre a porta á 'españolización' do ensino na Galiza, Catalunya e Euskal Herria, e pagarase con diñeiro público.

Relixión, materia específica; as linguas propias, materias da especialidade

Se seguimos debullando o borrador da LOMCE, tamén recolle que "as administracións educativas garantirán en todas as etapas obrigatorias que as linguas cooficiais sexan ofertadas nas distintas asignaturas en proporcións equilibradas no número de horas lectivas". Porén, a concepción do "equilibrio" ao que alude Wert dista moito do reparto igualitario e deixa as linguas propias en posicións residuais.

As materias divídense en tres grupos: troncais [Ciencias da natureza, Ciencias sociais, Lingua española e Literatura, Matemáticas e primeira lingua estranxeira], específicas [Educación física, Relixión ou Valores culturais e sociais, Educación artística e segunda lingua estranxeira] e de especialidade. As primeiras ocupan como mínimo o 50% do horario lectivo, e as segundas distribuiranse como máximo noutro 50%. Para as terceiras non se sinalan tempos, e son estas as que fican reservadas para se impartiren, na Galiza, en galego.

Nunha liña que lembra o disposto no decreto do plurilingüismo aprobado no país pola Xunta de Feijóo, e que a xustiza considerou ilegal nos seus alicerces básicos, a lei de Wert concede ao galego unha importancia menor que á lingua estranxeira inglés, considerada materia troncal, e até que á segunda lingua estranxeira, considerada materia específica. A nosa lingua propia sería materia de especialidade e, polo tanto, cada centro posúe liberdade para decidir canto tempo lectivo lle dedica. Como se colocou máis arriba, a relixión católica é materia específica, gozando por tanto de máis importancia que a nosa lingua propia.

Chegar até a Universidade sen saber galego?

Con todo, a discriminación cara ás linguas propias de cada territorio non remata aquí. Segundo unha información de mediados de setembro, a contrarreforma educativa impón catro reválidas, catro exames con carácter externo e contidos comúns para todo o estado que o alumnado terá que superar se quixer chegar á etapa universitaria. A primeira será aos 8 anos de idade, en 3º de primaria; a segunda, aos 11 anos, en 6º de primaria; e as dúas restantes serán ao finalizar a secundaria e o bacharelato.

Pois ben, para obter o título da ESO o estudantado non terá que demostrar o seu dominio da lingua propia. A reválida exixe superar só unha materia do bloque de materias da especialidade, polo que @ estudante podería escoller calquera outra que non fose o galego. 

Até aquí dúas conclusións: os territorios perden autonomía á hora de fixaren os contidos dos seus currículos e o fomento das linguas propias perde fol até o punto de que as horas de galego que se imparten fican ao antollo de cada centro educativo.

A Conferencia Episcopal conségueo: relixión, si ou si

Continuamos repasando o borrador da LOMCE, centrándonos desta volta na materia de relixión, cuxo tratamento rezuma unha actitude de sumisión do estado aos desexos da Igrexa católica. Será esta quen nomee o profesorado. Cómpre lembrar que, tal e como publicamos hai un mes, ningún nin ningunha docente de relixión imparte as horas lectivas que cobra, remarcando que a lexislatura anterior co PP na Xunta rematou con pola volta de 2.500 profesor@s menos na pública, segundo as cifras que manexan as centrais sindicais, nomeadamente CIG-Ensino.

Nun primeiro momento, como informamos en setembro, a materia de Educación para a cidadanía desaparecía na primaria e na ESO modificaba os contidos e pasaba a se chamar Educación cívica e constitucional, unha clara reminiscencia á materia Formación del espíritu nacional que se impartía nas escolas franquistas co obxectivo de "eliminar as cuestións controvertidas e susceptíbeis de adoutrinamento ideolóxico", en palabras do propio ministro.

Porén, no novo borrador, a 'substituta' de EpC non aparece tampouco. O PP recupera o esquema da LOCE, a lei de calidade que impulsara o goberno español en 2002, na etapa Aznar, e impón unha alternativa para relixión, cedendo deste xeito perante unha reclamación histórica da Conferencia Episcopal, que vía como o alumnado que refusaba estudar relixión non estaba obrigado a cursar unha alternativa académica avaliábel.

Para alén de blindar o ensino en español garantindo aulas integramente nesta lingua en centros privados, a chiscadela do PP á educación privada --concertada-- vai máis aló e atende máis unha reivindicación histórica para este sector, ao ampliar desde os catro até os seis anos a duración mínima do concerto educativo na etapa da primaria.