O Estado español inviste, á hora, dous millóns de euros a gastos militares

[Imaxe: Espazo antimilitar]

Son as cifras que manexa o Espazo aberto antimilitar, que vén de por en marcha a campaña de 2013 en prol da obxección fiscal perante este investimento


Case dous millóns de euros cada hora. É o que o Estado español destina a investimento militar. En total, o ministerio de Defensa manexa un orzamento de 16.500 millóns de euros anuais e este, segundo o Espazo aberto antimilitar, é un cálculo "moi conservador". Matiza este colectivo que en 2011 eran 14 os millóns que estaban orzamentados, malia que finalmente o gasto ascendeu até os 861 millóns. 

Así as cousas, este colectivo, que vén de por en marcha a campaña de 2013 en prol da obxección fiscal ao gasto militar, subliña que a teima de Defensa de lle encomendar ao exército español responsabilidades que até o de agora eran realizadas por traballador@s civís --servizos de emerxencias, por exemplo-- responde a unha tentativa de "mellorar a imaxe dos militares" e de "asegurar o control das posíbeis respostas populares, de se produciren".

Ensaiando medidas de control

Para alén disto, entenden que os sucesos fortuítos son empregados polos militares como "laboratorio de prácticas para ensaiar medidas represivas" perante accións de violencia política. Con todo, o Espazo antimilitar enfatiza que son xustamente estas situacións as que deixan en evidencia "a incompetencia" do ministerio de Defensa. Poñendo como exemplo a marea negra do Prestige ou a vaga de lumes de 2006, o colectivo remarca que "tardan o dobre, gastan o triplo e o traballo é moito peor". 

Por derradeiro, recordan como o Goberno español colocou militares nos postos de traballo d@s controlador@s aéreas que se puxeron en greve no ano 2010 reclamando melloras laborais, así como na greve do lixo que recentemente se realizou na localidade española de Granada. Por todo o anterior, o Espazo antimilitar chama, máis un ano, á obxección fiscal, isto é, deixar claro coa declaración da renda que a cidadanía non está disposta a pagar a cantidade proporcional que vai parar ao investimento militar segundo os Orzamentos xerais do Estado.