Suspendido o festival aéreo das forzas armadas españolas en Vigo, que o ano pasado custou 70.000€

Cartaz contra o festival en 2012 [Espazo aberto antimilitar]

O alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, anuncia que en 2014 volverán organizalo malia o desembolso de diñeiro público que supón e o rexeitamento de organizacións como o Espazo aberto antimilitar. Aínda así, este mes están fixados até 26 actos de propaganda castrense na Galiza cos que o ministerio de Defensa quere conmemorar o 'día das forzas armadas'


O festival aéreo que as forzas armadas españolas viñan realizando no mes de xullo en Vigo, na praia de Samil, non se realizará este ano malia o apoio con que sempre contou por parte do Concello, dirixido por Abel Caballero (PSdG) Caballero, que o ano pasado considerou "un éxito" que este evento puidera realizarse "nun ano de crise" e após a desaparición de Novacaixagalicia --que en 2011 aportara os 50.000€ que non puxo o Concello, explicou que a supresión é só por este verán e que en 2014 volverán facelo. 

70.000 euros en diñeiro público

O evento, que pasa polo desfile de unidades do exército do aire, a mariña, o corpo de paracaidistas, pilotos civís de acrobacias e unidades de salvamento, custou o ano pasado 70.000 euros, segundo as contas recoñecidas polo propio Concello. Deles, o Executivo de Caballero achegou 20.000 e os 50.000 restantes viñeron dun convenio con Aqualia, empresa concesionaria do servizo municipal de augas.

Organizacións como o Espazo aberto antimilitar levan anos queixándose do financiamento público deste tipo de espectáculos que se presentan como atracción turística coa conivencia da imprensa, que destaca as "espectaculares piruetas" e fai fincapé en que en xullo de 2012 foron presenciadas por "400.000 persoas". Porén, sostén o colectivo antimilitarista que o obxectivo último é "mellorar a imaxe pública" do exército e das actividades castrenses.

Até 26 actos na Galiza polo 'día das forzas armadas'

Con todo, malia a cancelación do desfile aéreo, o ministerio de Defensa organizou na Galiza até 26 actos para conmemorar, o 30 de Maio, o baptizado como 'día das forzas armadas'. Serán en Ferrol, Marín, A Coruña e Pontevedra.  

Quéixanse desde o Espazo aberto de que o gasto en investigación militar e en mantemento do exército segue a ser "moi superior" a aquel montante destinado a educación, pensións e dereitos sociais. E lembran que os propios militares --Asociación Unificada de Gardas Civís-- pediron ao Ministerio de Defensa a eliminación de "gastos superfluos" como os vehículos oficiais, celebracións de tomas de mando ou o desfile do 12 de outubro polo seu elevado custo.