O BNG pide a actuación "inmediata" do Ministerio para o arranxo da N-120

Tramo da N-120 ao seu paso por Ferreira de Pantón (Foto: Nós Diario).
O temporal de finais de ano e o uso continuado da estrada, segundo advirten os nacionalistas, "trouxo consigo máis deterioración no firme da N-120" e provocou "até un accidente en cadea de 15 vehículos" o pasado domingo.

O BNG denuncia "falta de mantemento" e "necesidade de melloras" da N-120 e avanza o rexistro de novas iniciativas para reclamar que o Ministerio de Transportes acometa "actuacións urxentes" nesta vía, que conecta Ourense con concellos da Ribeira Sacra.

O temporal de finais de ano e o uso continuado da estrada, segundo advirten os nacionalistas, "trouxo consigo máis deterioración no firme da N-120" e provocou "até un accidente en cadea de 15 vehículos" o pasado domingo.

A pesar de que o persoal de mantemento da estrada tapou as fochancas con máis profundidade e os máis perigosos, segundo o Bloque, "aínda continúan existindo varios puntos negros que precisan dunha actuación inmediata".

"Levamos anos denunciando a situación do firme da N-120 e os problemas de seguridade viaria que o seu estado provoca. Os gobernos do Estado, sexan do PSOE ou do PP, non levaron a cabo un mantemento da calzada e o firme vaise deteriorando cada vez máis", critica a formación.

Entre as actuacións sinaladas, segundo o BNG, o Ministerio debe quitar a maleza que cobre as marxes e realizar ampliacións dos carrís, sobre todo entre Os Peares até Montefurado, en Quiroga.

O alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Luís Maceda Vilariño (BNG), urxe a intervención entre Quiroga e Sober para a rehabilitación do firme e o desdobre do carril neste tramo.

O concelleiro do Bloque en Quiroga, Xosé Manuel Fernández, destaca a necesidade de actuar "de maneira urxente" no tramo máis próximo á ponte de Augas Mestas polo mal estado do asfalto.

Pola súa banda, a portavoz da formación nacionalista en Ferreira de Pantón, Rosana Prieto Florines, explica que este tipo de accidentes automobilísticos "son totalmente evitábeis".